A Xunta destina 2,8 M€ a un novo paquete de axudas para os concellos para sufragar medidas sociais de apoio aos máis vulnerables ante os efectos da covid-19

Feijóo explica que Galicia recibiu ata o momento 17 M€ en materia de políticas sociais do Goberno central e o 50% distribuirase aos concellos

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2020

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe na rolda de prensa do Consello a aprobación dun paquete de financiamento para axudar aos concellos a afrontar os esforzos económicos que están a realizar durante a crise provocada polo coronavirus. Este novo paquete contará cunha achega de 2,8 millóns de euros para para sufragar medidas sociais de apoio aos máis vulnerables ante os efectos da covid-19.

Nun primeiro termo, Feijóo referiuse ás axudas destinadas a financiar os servizos municipais de atención ás persoas sen fogar como: espazos de aloxamento extraordinarios que se habilitaron no máis duro da crise; reforzo de persoal para atender ás persoas sen fogar; e gastos derivados da cobertura das súas necesidades básicas.

En segundo lugar, destacou un reforzo financeiro para as axudas municipais de emerxencia social. A esta liña destinarase 1 millón de euros.

E para os concellos que crearon bolsas de comedor para o alumnado das escolas infantís municipais, do mesmo xeito que fixo o Goberno galego coas escolas infantís autonómicas, destinarase unha achega de 600.000 euros.

A súa distribución realizarase de acordo cos criterios fixados no decreto que regula os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento.

O presidente da Xunta explicou que Galicia recibiu ata o momento 17 millóns de euros en materia de políticas sociais do Goberno central e incidiu en que “o 50% o distribuímos aos concellos e o resto o mantemos dentro do presuposto da Comunidade Autónoma”. Ademais, recordou que hai unhas semanas a Administración autonómica xa trasladou aos concellos financiamento para o servizo de axuda no fogar extraordinario

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 22/05/2020