A Xunta instala 2.400 sinais en estacións de autobuses e marquesiñas para lembrar a necesidade de manter a distancia social recomendada

As pegadas adhesivas advirten aos usuarios do transporte público que cómpre respectar unha distancia mínima de 2 metros cos demais viaxeiros

Colocaranse marcas no chan e nas paredes das terminais de autobuses e nas principais paradas da comunidade

Os vinilos xa están colocados nas estacións de autobuses de Santiago ou da Coruña e nas paradas de Entrexardíns ou dos hospitais Teresa Herrera, Abente e Lago e CHUAC da cidade herculina

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a colocar sinalización nas estacións e nas paradas de autobuses da comunidade para lembrar o mantemento da distancia social recomendada por mor da covid-19.

Estes sinais, en forma de pegadas adhesivas, lémbranlle aos usuarios do transporte público a necesidade de establecer unha distancia física de 2 metros cos demais viaxeiros.

A actuación dá cumprimento á Orde da Xunta do 6 de maio pola que se aprobaron as medidas de aplicación nos servizos de transporte público de viaxeiros de titularidade autonómica, no marco da actual emerxencia sanitaria.

O contrato prevé a colocación de preto de 2.400 sinais recordatorios que se dispoñen tanto no chan como nas paredes.

A sinalización xa está colocada actualmente nos principais puntos de uso do transporte público na Coruña, Santiago, Ares, Betanzos, Carral, Cedeira, Cee, Cerceda, Corme, Culleredo, Ferrol, Fisterra, Muros, Neda, Ponteceso, Pontedeume e Zas.

As estacións de autobuses de Santiago e da Coruña, a parada de Entrexardíns ou as marquesiñas das contornas dos hospitais Teresa Herrera, Abente e Lago ou do CHUAC, na Coruña, contan xa con estes adhesivos que lle lembran aos cidadáns a importancia da distancia social.

Nos vindeiros días continuarase coa instalación destes sinais noutros lugares da comunidade galega.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 24/05/2020