A Xunta abre o luns o novo fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021 dotado inicialmente con 1,5 millóns de euros

O conselleiro de Cultura e Turismo informou hoxe desta medida prevista no Plan de Reactivación Cultural para incentivar a creación artística na crise sanitaria

Diríxese a proxectos de empresas, cooperativas, entidades sen ánimo de lucro e autónomos financiados ao 100% con achegas de ata 10.000 e 4.000 euros

Inclúe un amplo abano de iniciativas de música, audiovisuais, artes escénicas, dinamización da lingua, patrimonio, libro e turismo cultural, entre outros

O obxectivo é preservar a actividade e o emprego e xerar contidos de calidade a disposición dos galegos tanto de xeito virtual como presencialmente
 

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2020

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, informou hoxe sobre o novo Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, unha das principais medidas que contempla a Xunta de Galicia no Plan de Reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos da crise sanitaria provocada pola Covid-19. Trátase dunha iniciativa que busca preservar a actividade e o emprego e xerar contidos de calidade a disposición de todos os galegos.

Nun encontro virtual no que estivo acompañado polos membros do seu equipo, o titular de Cultura e Turismo subliñou a necesidade de inxectar liquidez “inmediata” nas industrias culturais galegas a través da creación deste fondo que “amosará o talento dos profesionais e creadores nun momento de incerteza” pola crise sanitaria. Así, preténdese “reforzar as estruturas da industria cultural e estimular a demanda” nun momento no que se visibilizou a importancia e xenerosidade da cultura á hora de superar etapas socialmente difíciles como foi o confinamento.

Román Rodríguez destacou que o principal obxectivo deste fondo “é dar a posibilidade a profesionais e empresas galegos de traballar e producir os seus proxectos en condicións especiais sen ter que deixalos aparcados” e, á vez, facilitar o acceso á cultura a toda a cidadanía con fin de que poidan gozar das distintas expresións tanto en liña como de xeito presencial.

Ata finais de ano


A convocatoria, dotada inicialmente cunha partida de 1,5 millóns de euros, abrirá o luns o seu prazo de presentación de proxectos. Toda a información estará dispoñible a través do web culturaeturismo.xunta.gal. O período de presentación de proxectos remata o 31 de xullo, aínda que as iniciativas presentadas poderán desenvolverse ata finais de ano.

Poderán acceder a esta convocatoria todas as ramas do sector cultural con proxectos virtuais ou que se vaian realizar de xeito presencial baixo as condicións que a situación sanitaria permita. Ou mesmo combinar ambas opcións. Tamén outros servizos como deseño, produción técnica ou subministro de materiais e expresións artísticas.

As disciplinas do Fondo para Proxectos Culturais Xacobeo 2021 incluirán a lingua, as artes escénicas, teatro, danza, música, artes plásticas, literatura, divulgación, patrimonio ou o turismo cultural, entre outros. Os profesionais que formen parte contarán con apoio e visibilidade para que os seus proxectos sigan a ter proxección social.

As iniciativas optarán a un investimento máximo de 10.000€ no caso de tratarse de empresas, cooperativas e entidades sen ánimo de lucro que xeren emprego, ou de 4.000 euros se se trata de profesionais autónomos. En calquera caso, esta contía pode supoñer o financiamento do 100% do proxecto. As iniciativas poderán ser compatibles coas axudas doutras entidades ou mesmo da Xunta de Galicia, pero non coas da Consellería de Cultura e Turismo para o mesmo proxecto, co fin de poder chegar ao maior número de beneficiarios posibles.

Cada empresa ou profesional poderá presentar un proxecto, no que deberán apostar pola lingua galega, se ben poderán promover igualmente o plurilingüismo sempre que se inclúa unha versión en galego ou habiliten mecanismos de subtitulado.

Tres modalidades


Na primeira das tres modalidades do Fondo Xacobeo 2021 incluiranse os proxectos musicais, audiovisuais e de artes escénicas. Na segunda terán cabida os proxectos para dinamizar a lingua galega, o patrimonio cultural e os proxectos editoriais, literarios e expositivos. A última das modalidades está dirixida ao ámbito xacobeo, turístico, xeográfico, paisaxístico, gastronómico e de usos e costumes sociais.

A selección dos proxectos que integren este Fondo vinculado ao Ano Santo será realizada por unha comisión técnica integrada por persoas expertas en cada un dos ámbitos que avaliará os proxectos segundo o interese da proposta así como a súa orixinalidade, calidade, alcance e grao de adecuación ao público ao que vai dirixido.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 23/05/2020