Xunta e as federacións náuticas traballan nun protocolo marco para todos os deportes de auga que "en breve, poderán desenvolver a súa actividade"

Nesta semana producíronse reunións coas federacións deportivas galegas de motociclismo, motonáutica, xadrez, tiro con arco, tiro olímpico, tenis de mesa, pádel, tenis, kung fu e kickboxing, ademais dunha xuntanza global con todas as federacións náuticas

O secretario xeral gabou a responsabilidade e o traballo das federacións deportivas galegas que, na súa maioría, xa contan cun protocolo propio de volta á actividade
 

Santiago, 23 de maio de 2020-

A Secretaría Xeral para o Deporte continua coa súa serie de encontros virtuais con todo o tecido deportivo galego para estudar as diferentes medidas a tomar para minimizar os prexuízos da declaración do estado de alarma por mor do coronavirus no eido deportivo. Esta semana foi a quenda das federacións deportivas galegas de motociclismo, motonáutica, xadrez, tiro con arco, tiro olímpico, tenis de mesa, pádel, tenis, kung fu e kickboxing, ademais dunha xuntanza global con todas as federacións náuticas. Con todas elas, o secretario xeral abordou a súa situación financeira e principais necesidades, ademais de avanzar no Plan de Reactivación do Deporte Galego cuxa ferramenta FISICOVID-DXTGALEGO xa está en marcha para a identificación de situacións de contaxio na práctica do deporte galego. O secretario xeral gabou a responsabilidade e o traballo das federacións deportivas galegas que, na súa maioría, xa contan cun protocolo propio de volta á actividade.

Reunión coas federacións de deportes náuticos

As federacións deportivas de actividades subacuáticas, motonáutica, vela, piragüismo, natación, salvamento e socorrismo, esquí náutico, remo, surf así como a UFEDEGA, foron informadas das diferentes reunións da Xunta de Galicia co CSD e a falta de resposta desta institución ante as cuestións expostas desde Galicia. Deste xeito, Secretaría Xeral e federacións acordaron traballar nun protocolo de volta á actividade para os deporte náuticos xa que o CSD non é consciente desta realidade e necesidade do deporte galego. “Elaboraremos un protocolo marco para todos os deportes náuticos e de auga porque en breve poderán desenvolver a súa actividade”, dixo o secretario xeral.

Federación Galega de Motociclismo

Lete Lasa e o presidente da federación galega, José Canda, analizaron a situación do motociclismo galego que ata o de agora só puido levar a cabo o Campionato do mundo de Superenduro realizado en xaneiro. A situación actual impide realizar o resto de campionatos previstos, especialmente os internacionais que xa se dan por cancelados. Ambos mandatarios valoraron a posibilidade de retomar a actividade cara final de ano e o presidente da federación informou de que traballa nun protocolo de volta á normalidade de fácil implementación para este deporte individual sen contacto e con cascos e luvas.

Federación Galega de Motonáutica

Secretario xeral e presidente, José Fernández, analizan a posible volta á actividade tendo en conta a situación actual. A día de hoxe xa se dan por cancelados o Campionato do Mundo de Endurance Class B, Campionato de Europa de Radiocontrol e o Campionato de España Rallyjet. A situación económica da federación tamén foi obxecto de estudio, xa que gran parte dos ingresos da federación proveñen das licenzas dos “Cursos e expedición de títulos náuticos”, que agora mesmo non é posible levar a cabo. Confíase que se poidan retomar na fase II.

Federación Galega de Xadrez

Tras abordar que a volta á normalidade vese actualmente limitada polas esixencias establecidas no protocolo do CSD, o presidente da federación, Gaspar Pérez, informou que, con cargo ao convenio coa Xunta, a federación xa traballa na adquisición do material sanitario necesario para aos clubs para retomar a actividade con garantías. Tráballase na posibilidade de retomar a actividade en xullo, coa continuación dos campionatos en idade escolar en Granada segundo a previsión da Federación Española. En consecuencia, con carácter previo en Galicia teranse que celebrar os clasificatorios. Cómpre sinalar qua a federación xa dispón dun protocolo de volta á actividade.

Federación Galega de Tiro con Arco

Tras analizar o protocolo de volta á normalidade do CSD e as esixencias deste que impiden que moitos clubs retomen a actividade, o presidente da federación, Iñaki Fariña, informou que xa teñen avanzado propostas de protocolos para a volta á actividade axustados á realidade do seu deporte. Neste sentido traballan nunha proposta da federación española na que a federación galega ampliou a distancia interpersoal de 1,5 a 2 metros. Exponse a posibilidade da volta á actividade en canto se permitan os desprazamentos no ámbito da comunidade.

Federación Galega de Tiro Olímpico

O presidente da federación, José María Fajardo, informou da previsión de continuar coa actividade no mes de xullo cun campionato por provincia para o que xa traballan nun protocolo de volta á normalidade.

Federación Galega de Tenis de Mesa

O presidente da federación, José Luis Cabaleiro, informou que a federación vén de mercar, no marco do convenio coa xunta, material hixiénico sanitario de protección para adestramentos e competicións. A federación de tenis de mesa xa aplica medidas de fomento económico, aprazando o pago das inscricións do mes de xullo, e outorgando unha moratoria de 3 meses aos clubs con dificultades. Na tempada 2020/21 vanse reestruturar as ligas facéndoas con grupos máis pequenos e retomarase a competición cara finais de ano ou principios do 2021.

Federación Galega de Pádel

O presidente da federación galega, Manuel Fernández, apuntou que a previsión de volta á actividade é para este verán, aínda que algúns dos campionatos -World Padel Tour e Campionato de España de Federacións absolutas- dependen da decisión da Federación Española que aínda non se pronunciou. A preocupación é máxima pola paralización da actividade dos clubs. Por unha banda pola deficiente claridade das normas de desescalada respecto á apertura dos centros indoor. Por outra banda, considérase discriminatoria a prohibición da práctica do pádel 2x2, en comparación a outras actividades sociais, culturais e deportivas permitidas.

Federación Galega de Tenis

O secretario xeral e o presidente da federación, José Mosquera, analizaron a situación da competición. Neste sentido valorouse a posibilidade de celebrar ou non os torneos ITF en Ourense e Vigo para o mes de agosto. Do mesmo xeito que no pádel 2x2, considérase discriminatoria a prohibición da práctica deportiva de 4 persoas (dobres) polo que se trasladará unha petición ao CSD.

Federación Galega de Kung Fu


O presidente da federación, Carlos Alonso, informou que traballan cos clubs de xeito online para manter a actividade dos deportistas. Valorase a posibilidade da volta á actividade en xullo. A preocupación é moi grande tendo en conta que actualmente os clubs están pechados e os centros escolares tamén, onde se desenvolve gran parte da actividade deportiva. Trabállase nun protocolo volta á normalidade, xa que sería posible adaptar o sistema de competición a un deporte sen contacto, sobre todo no caso de katas e taos.

Federación Galega de Kickboxing

A presidenta da federación, Josefina González explicou como a situación actual afectou ao plan de promoción da súa modalidade deportiva a través da creación de clubs e incremento de licenzas. Formúlase a posibilidade de retomar a tempada 2020 no último trimestre do ano para o que se traballa na elaboración dun protocolo.

O enderezo electrónico para as consultas estritamente deportivas como consecuencia da situación de COVID-19 segue funcionado a pleno rendemento para clubs e federacións (incidencias-federacions.deporte@xunta.gal).

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 23/05/2020