Entran en vigor as primeiras Normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia para unificar criterios técnicos para a elaboración de documentos de ordenación

Esta nova ferramenta en materia urbanística prioriza a dixitalización dos datos espaciais como garantía de acceso á planificación territorial ao conxunto da sociedade

Estas normas técnicas representan un novo paso na estratexia normativa impulsada pola Xunta hai xa unha década na que prima a simplificación do planeamento

Tamén se procura unha maior transparencia e lexibilidade, ao facilitar e axilizar a súa elaboración, tramitación e coñecemento

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2020

As primeiras Normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia entran en vigor dende o día de hoxe, polo que Galicia conta cunha nova ferramenta coa que unificar os criterios técnicos que regularán a elaboración de todo o planeamento urbanístico.

As Normas técnicas de planeamento, ademais de igualar a terminoloxía e os conceptos urbanísticos xerais, tamén unifica calquera outra cuestión que precise aclaración ou orientación técnica en materia de planeamento urbanístico; ademais dos criterios técnicos para a elaboración dos documentos.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, redactou este documento co fin de sentar unha bases que fomenten a integración da información do planeamento nas infraestruturas dixitais de datos espaciais. Deste xeito, ofrécese a posibilidade de establecer un acceso sinxelo aos documentos de planeamento ao conxunto da sociedade, é dicir, tanto aos técnicos que participen na planificación do territorio, como á cidadanía en xeral.

As normas técnicas son un instrumento técnico que, non só se da cumprimento ao contido do artigo 48 da Lei do solo de Galicia e aos artigos 88 e 89 do Decreto polo que se aproba o Regulamento da Lei, senón que tamén representan un paso máis na estratexia normativa de simplificación e normalización técnica dos instrumentos de planeamento.

Nese sentido, a Xunta defende que a tramitación do planeamento debe ser unha oportunidade, non un atranco para o desenvolvemento territorial, polo que as normas técnicas nacen da necesidade de facilitar e axilizar a súa elaboración, tramitación e coñecemento. En definitiva, representan unha oportunidade de mellora no proceso de formulación e aprobación dos documentos de planeamento, sempre na procura dunha maior transparencia e flexibilidade dos mesmos.

Contido

As Normas técnicas de planeamento serán de aplicación íntegra aos plans en tramitación que non acadasen a aprobación inicial na data de entrada en vigor das mesmas, que se formalizará aos seis meses da súa publicación do Diario Oficial de Galicia.

En base ás normas, defínense e concrétanse os conceptos habitualmente utilizados na elaboración das normas urbanísticas dos instrumentos de planeamento ou das ordenanzas de edificación, así como noutros documentos escritos e na rotulación e lendas dos planos, que xa se recollen no Regulamento da Lei do Solo de Galicia (no seu Anexo I) e no Regulamento de ordenación da información xeográfica e da actividade cartográfica de Galicia, para os conceptos cartográficos.

Tamén se fixan os criterios de elaboración, presentación e entrega da documentación dos instrumentos de planeamento, como por exemplo, a necesidade dun índice xeral numerado, e dun índice propio de cada documento, sinalando as súas páxinas numeradas e con acceso as diferentes partes a través de marcadores, os datos identificativos que deben incluírse en todas as follas e a correcta e homoxénea configuración do nome de cada instrumento,

Outro aspecto que se aborda é a regulación das abreviaturas, da simboloxía gráfica (cores, tramas, tipos de liñas, e simboloxía gráfica), así como os formatos de entrega da documentación (como mínimo unha copia de todo o seu contido en soporte dixital -nun formato non editable PDF que permita a súa sinatura electrónica e un formato editable-, sen prexuízo de que as administracións que contraten a formulación do planeamento poidan esixir o formato papel) e a necesidade de dilixenciación e uns códigos cos que se deben identificar as carpetas do planeamento.

Establécese que para a elaboración da documentación gráfica debe empregarse a cartografía oficial rexistrada e dispoñible no Instituto de Estudos do Territorio, que é o órgano cartográfico de Galicia; polo que cando se fixe a necesidade de actualizar a cartografía deberá producirse e posta a disposición do IET para a súa validación e a súa inscrición no Rexistro de Cartografía de Galicia.

Con estas normas, os concellos enviarán os documentos de planeamento de modo homoxéneo e comparable, e coas características adecuadas para que sexan compatibles co Sistema Informático de Ordenación do Territorio de Galicia (SIOTUGA). Así, neste sistema informático, e de modo accesible ao público, poderase acceder aos documentos do planeamento -tanto en papel como en soporte electrónico-, cun formato, símbolos, abreviaturas, características únicas para todos os concellos, o que supón un enorme avance no proceso de elaboración, na transparencia e na seguridade xurídica do planeamento.

Coa elaboración das Normas técnicas de planeamento, a Xunta de Galicia da un novo paso na estratexia normativa para definir un urbanismo responsable que acade a maior simplificación, transparencia e seguridade xurídica.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 25/05/2020