A Xunta arranca as accións formativas para o sector turístico nun webinar con máis de mil profesionais inscritos

O curso enmárcase nas máis de 500 actividades programadas polo Goberno galego e o sector a través do CSHG centradas na seguridade sanitaria

Esta iniciativa forma parte do programa ‘Galicia, destino seguro’ que contempla apoio económico para adaptar os establecementos ao novo escenario

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2020

A Xunta arranca hoxe as accións formativas para o sector turístico a través dun webinar centrado nas medidas de seguridade sanitaria con máis de mil profesionais inscritos. O curso enmárcase nas máis de 500 actividades programadas polo Goberno galego, a través do Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG), e as entidades sectoriais e provinciais. Nelas, ofreceranse máis de 50.000 prazas formativas adaptadas ás especificidades de cada subsector e zona xeográfica.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, saudou aos participantes e agradeceu a implicación de cada profesional de xeito individual á hora de traballar por un destino seguro. No encontro participan representantes do propio CSHG, o Sergas e o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), así como o profesor e catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC, Juan Gestal, encargados de explicar aos profesionais do sector os detalles sobre os 11 manuais elaborados coas principais recomendacións e medidas de seguridade hixiénico-sanitarias para os distintos eidos.

Trátase dunhas publicacións que poderán actualizarse en función da evolución da crise sanitaria e que condensan os requisitos obrigatorios establecidos polo Ministerio de Sanidad, as recomendacións elaboradas polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo e outros consellos adaptados aos establecementos galegos, co obxectivo de facilitar a súa consulta por parte dos distintos axentes. En concreto, elaboráronse manuais adaptados aos restaurantes, hoteis, aloxamentos rurais, albergues, cámpings, balnearios, axencias de viaxes, turismo activo, campos de golf, guías de turismo e oficinas de turismo.

‘Pacto por un destino seguro’

Esta medida enmárcase no Pacto por un destino seguro da Xunta e o sector e que inclúe unha batería de accións de información, asesoramento e formación das empresas e profesionais turísticos en seguridade sanitaria, así como acompañamento económico.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 25/05/2020