A Xunta instala 520 sinais en terminais de autobuses e áreas de estacionamento da provincia de Lugo para lembrar a necesidade de manter a distancia social recomendada

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, explicou que seis concellos da Mariña xa dispoñen delas e nestes días continuará a súa colocación noutros municipios

As pegadas adhesivas advirten aos usuarios do transporte público de que cómpre respectar unha distancia mínima de 2 metros cos demais viaxeiros
 

Lugo, 26 de maio de 2020

A Xunta de Galicia está a colocar sinalización nas estacións e paradas de autobuses da provincia de Lugo para advertir da necesidade de manter a distancia social recomendada por mor da covid-19.

O delegado territorial da Administración autonómica, José Manuel Balseiro, explicou que en total está previsto instalar unhas 520 marcas para lembrarlles aos usuarios do transporte público a necesidade de establecer unha distancia física de 2 metros cos demais viaxeiros.

As estacións de Burela, Ribadeo e Foz e as áreas de estacionamento de Xove, Cervo e Barreiros xa contan con esta sinalización, en forma de pegadas adhesivas que se dispoñen tanto no chan como nas paredes.

Balseiro apuntou que nestes días continuarase coa instalación dos sinais nas terminais de autobuses de Lugo, Chantada, Mondoñedo e Vilalba; e tamén está previsto colocalas nas estacións de Monforte de Lemos, Sarria e Viveiro, nas que a Xunta está a executar actualmente obras de mellora.

Tamén se dotarán de sinalización as áreas de estacionamento da Fonsagrada, Guitiriz, Monterroso, Palas de Rei, Pedrafita do Cebreiro, Paradela, Portomarín e Quiroga e as paradas das contornas dos hospitais de Lugo, Monforte de Lemos e Burela.

A actuación dá cumprimento á Orde da Xunta do 6 de maio pola que se aprobaron as medidas de aplicación nos servizos de transporte público de viaxeiros de titularidade autonómica, no marco da actual emerxencia sanitaria.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 26/05/2020