A serie internacional do Xacobeo 2021 '3Caminos' retoma a súa rodaxe tras a parada obrigada pola crise sanitaria

A Xunta subvenciona con 1,5 M€ este proxecto a cargo de Ficción Producciones, que grava en Navarra antes de regresar a Galicia

Amazon Prime Video estreará en exclusiva esta historia sobre as vivencias ao longo do tempo de cinco mozos peregrinos, que conta tamén coa implicación de Beta Films e de empresas coprodutoras de cinco países

O equipo, que volverá á nosa Comunidade a partir de xuño, reiniciou esta semana ao traballo aplicando os novos protocolos sanitarios e de seguridade para o audiovisual

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2020

O equipo de 3Caminos, a principal aposta audiovisual da Xunta para o Xacobeo 2021, retoma esta semana a súa rodaxe en diferentes localidades de Navarra tras a parada obrigada pola crise sanitaria da Covid-19. Trátase da primeira serie internacional e transmedia sobre o Camiño de Santiago, para a que a empresa compostelá Ficción Producciones conta cunha subvención de 1,5 millóns de euros por parte da Xunta como adxudicataria dunha convocatoria específica da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para obras audiovisuais que difundan os valores do Camiño de Santiago e a imaxe de Galicia cara á celebración do vindeiro Ano Santo.

Os novos protocolos e as medidas sanitarias e de seguridade para o sector audiovisual están a marcar esta volta ao traballo de 3Caminos, que ten previsto regresar a Galicia a primeiros de xuño para rodar durante todo o mes en diferentes localizacións das provincias de Lugo e A Coruña, como O Cebreiro, Samos, Santiago de Compostela ou Fisterra, entre outras.

Nesta etapa, incorpórase á rodaxe a actriz mexicana Cecilia Suárez, moi coñecida polo seu papel en La Casa de las Flores, que se une así ao reparto internacional encabezado por Álex González, Verónica Echegui, Anna Schimrigk, Andrea Bosca e Alberto Jo Lee. Na pantalla, darán vida a cinco amigos de diferentes nacionalidades unidos polo Camiño de Santiago, que se converte tamén nun dos principais protagonistas desta serie.

A súa historia estrearase en exclusiva en Amazon Prime Video, plataforma implicada tamén neste proxecto a cargo de Ficción Producciones xunto co grupo alemán Beta Films, diferentes coprodutoras de Italia, Corea do Sur, México e Portugal, Radio Televisión de Portugal (RPT) e Cinemate. Poderá verse, así mesmo, na Televisión de Galicia.

Deste xeito, 3Caminos contribuirá á difusión do Camiño de Santiago e do Xacobeo 2021 en todo o mundo, ao tempo que servirá de escaparate para promover a capacidade do audiovisual galego á fronte de proxectos de nivel internacional.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 26/05/2020