A Fundación Semana Verde reanudou a súa central agropecuaria con medidas de seguridade e novos sistemas telemáticos

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou esta mañá a Central Agropecuaria de Galicia, na primeira xornada de actividade tras a suspensión dos mercados de gando debido ao estado de alarma polo coronavirus
A central implantou un sistema de preinscrición obrigatoria a través da súa páxina web, por correo electrónico e por whatsapp

Na aplicación TokApp e na web da central pódense consultar os resultados de cada subasta en tempo real

O persoal do recinto feiral conta co material de protección necesario e tamén se instalaron mamparas e dispensadores de xel en varias zonas das instalacións
 

Silleda (Pontevedra), 26 de maio de 2020

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou esta mañá a Central Agropecuaria de Galicia da Fundación Semana Verde, que hoxe reanudou o mercado de gando con medidas de seguridade sanitarias e novos sistemas telemáticos, despois de que o Centrod de Coordinación Operativa (Cecop) acordara na súa última reunión levantar a suspensión da celebración dos mercados de gando en Galicia e que a Consellería do Medio Rural publicara o pasado venres a resolución correspondente.

Alfonso Rueda asistiu a esta poxa, onde indicou que a apertura hoxe do mercado de gando “é unha boa noticia, xa que se retoma unha actividade comercial que ten moito que ver coa reactivación do consumo, cos hábitos que tiñamos e empezamos a recuperar e que empeza ademais dacordo cos novos tempos, cunha subasta telemática e con todas as garantías sanitarias”. Por agora, e mentres dure a crise sanitaria, o número máximo de cabezas de gando en cada sesión serán 1.320.

Tamén sinalou a importante aposta polas novas tecnoloxías co obxectivo de reducir a presenza física no recinto e, por tanto, evitar aglomeracións. Por iso, a preinscrición dos animais é obrigatoria mentres dure a crise sanitaria na páxina web da central, por correo electrónico ou por whatsapp. Ademais, a través tanto da aplicación TokApp como na web da central difundiranse os resultados de cada poxa en tempo real para contribuír a redución da afluencia e prevese que se manteña de forma permanente co obxectivo de axilizar a actividade do mercado e ofrecer unha resposta máis eficiente.

Na súa visita comprobou de primeira man que as poxas no recinto feiral, unha das actividades principais da Fundación Semana Verde, retomáronse cumprindo con todos os protocolos de seguridade e prevención, tanto os establecidos polas autoridades sanitarias como outras medidas postas en marcha pola central.

Destacou que todo o persoal conta co material de protección necesario (máscaras, guantes e xel) e que en varios puntos das instalacións colocáronse dispensadores de xel, mamparas e alfombras desinfectantes para garantir a seguridade tanto dos empregados como dos usuarios. Os gandeiros e tratantes que igualmente prefiran asistir de forma presencial, contan con indicacións para circular polos pavillóns evitando os cruzamentos.

A Central Agropecuaria de Galicia Abanca é un mercado xestionado pola Fundación Semana Verde que se converteu nun referente a nivel estatal na comercialización de gando. Desde os seus inicios apostou pola modernización e conta cun sistema pioneiro de poxa pública informatizado que contribúe á axilidade e seguridade das transaccións e que foi actualizado nos últimos anos coa renovación dos equipos.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 26/05/2020