A Xunta informa ao sector do comercio lucense da activación da nova plataforma de autoavaliación Comercio Seguro

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, interveu nun webinario con comerciantes e autónomos da provincia, aos que amosou o novo proxecto para trasladar confianza á clientela e contribuír á reactivación económica

A Xunta ten en marcha o Plan de dixitalización para pemes e autónomos, que mobiliza 40 millóns de euros para incentivar a súa competitividade no actual horizonte económico

Tamén se publicou no DOG o Plan Renove de electrodomésticos e domótica, que ten como obxectivo mellorar a eficiencia enerxética nos fogares galegos
 

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2020.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, acompañado do delegado territorial da Xunta en Lugo, Xosé Manuel Balseiro, participou esta tarde nun webinario con autónomos e representantes do sector do comercio lucense, cos que analizou as diferentes ferramentas ofrecidas pola Administración autonómica para apoiar o tecido comercial e contribuír á reactivación económica do mesmo.

Unha das medidas das que se informou na reunión telemática foi a activación da plataforma de autoavaliación Comercio Seguro, dispoñible no enderezo comerciosegurogalicia.com, na que se trasladan ao sector os elementos principais para garantir a seguridade e a confianza da clientela no retorno á actividade, incluíndo consellos sociosanitarios e de prevención, ademais da posibilidade de recibir asesoramento gratuíto.

Conde tamén salientou que onte se publicaba no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria do novo Plan Renove de electrodomésticos e domótica enerxética. Esta orde de axudas dispón dun orzamento de 1,75 millóns de euros e prevé beneficiar a máis de 9000 familias, mellorando a eficiencia enerxética dos fogares galegos cun aforro de 270.000 euros na súa factura. Esta liña tramitarase a través dos establecementos comerciais, que poderán engadirse á iniciativa desde hoxe mesmo e ata o vindeiro 30 de xullo.

O prazo para solicitar as axudas comezará o 1 de xullo, no referido á renovación de electrodomésticos, e o 2 de xullo para a domótica enerxética, rematando en ambos os dous casos o 30 de setembro ou cando se esgote o crédito. Xunto co aforro enerxético, esta iniciativa permite dinamizar a economía e xerar emprego, renovando o tecido empresarial e comercial.

Tal e como subliñou o titular de Economía, Emprego e Industria, a dixitalización converteuse nun factor imprescindible para garantir a competitividade do tecido empresarial no novo escenario económico. Neste senso, a Administración autonómica pon en marcha o Plan de dixitalización para o comercio, os autónomos e as pemes. Mobilizará 40 millóns de euros, ofrecendo apoios para a modernización dos establecementos comerciais e a venda en liña, a internacionalización dixital, o teletraballo ou medidas para impulsar os negocios que se desenvolven no medio rural, entre outros aspectos.

Conde salientou durante o webinario cos comerciantes e autónomos da provincia de Lugo que desde a Xunta estase a acompañar ao sector, resolvendo as dúbidas no que respecta aos protocolos de prevención, ofrecendo guías sectoriais especializadas con recomendacións elaboradas polo Issga, ao que se suma o reparto de preto de 4 millóns de máscaras entre pemes e autónomos, das que 300.000 foron directamente para o sector do comercio. Ademais, desde o primeiro momento activouse un programa para achegar unha inxección inmediata de liquidez para autónomos e pemes, a través da liña de préstamos de ata 200.000 euros, da que a Xunta bonifica o 100% dos intereses.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 26/05/2020