A Xunta analiza cos alcaldes dos municipios pertencentes ao parque Baixa Limia-Serra do Xurés os labores de mantemento e conservación

A delegada territorial, Marisol Díaz Mouteira, mantivo unha videoconferencia coa responsable deste enclave natural e cos rexedores para dar conta dos traballos realizados durante o estado de alarma e avaliar as futuras actuacións

O centro de interpretación do parque abriu a pasada semana cun protocolo de prevención e seguridade

Ourense, 27 de maio de 2020

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, mantivo esta mañá un encontro por videoconferencia coa responsable da xestión do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, Alba Lombao Vázquez, e cos alcaldes dos seis concellos que pertencen a este espazo natural para analizar o protocolo básico de actuación elaborado polo Goberno galego para reapertura do Centro de Interpretación deste enclave, que se produciu hai xa unha semana, ademais de dar conta dos traballos de conservación e mantemento que se veñen a acometer durante o estado de alarma e planificar e priorizar as futuras actuacións.

Na videoconferencia participaron, ademais da xefa territorial de Medio Ambiente, Victoria Núñez e da responsable do espazo natural, os responsables dos concellos de Bande, Calvos de Randín, Entrimo, Lobeira, Lobios e Muíños.

As brigadas do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés contan de dous capataces, oito peóns forestais e un oficial, que na actualidade está atendendo o punto de información a visitantes.

Mouteira subliñou que durante todo o estado de alarma seguiuse a traballar a porta pechada co fin de manter este espazo en perfecto estado de conservación, sinalización e limpeza para garantir que chegara en perfectas condicións ao momento da súa reapertura.

Concretamente, no Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés durante os meses de marzo e abril actuouse nun total de seis rutas: na ruta de Entrimo; na de Forcadas a Santa Comba; na zona do Viso; Fradealvite-Chaos; Ermille-As Conchas; e na faixa de incendios de Salgueiros. En total desbrozáronse 2,85 ha.

A representante do Goberno galego agradeceu o labor realizado por estes efectivos durante o estado de alarma declarado polo coronavirus co fin de manter e conservar os valores naturais que atesouran os parques naturais.

A delegada territorial intentou marcar a folla de ruta dos profesionais que traballan neste espazo natural e organizar, conxuntamente cos alcaldes, as tarefas que, a partir de agora, terán que realizar para a limpeza e mantemento das rutas de sendeirismo do parque, formadas na súa totalidade por 174,5 km. A maioría delas requiren unha revisión e repaso dada a época que estamos a vivir de maior crecemento da vexetación. Ademais, tamén se terá que actuar noutras rutas de sendeirismo que atravesan o territorio do parque e que están promovidas por outras Institucións, como a Ruta Transfronteiriza da Reserva da Biosfera Gêres-Xurés cunha lonxitude de 100 quilómetros e o Camiño Natural Vía Nova, nun treito de case 30 quilómetros desde Portela do Home ata Santa Comba de Bande.

Reapertura centro de visitantes

O centro de visitantes deste parque natural reabriuse o pasado día 19 de maio cun protocolo de prevención e unha readaptación de espazos, permitindo o aforo de oito persoas en visita libre e de cinco nas visitas de grupos. Non se entregará ningún tipo de material divulgativo como mapas ou folletos. A delegada territorial explicou que co obxecto de paliar esta carencia informativa puxéronse carteis da aplicación móbil de parques naturais e do mapa das rutas para a descarga mediante o código QR, ademais da proxección dun vídeo informativo sobre este espazo natural aos seus visitantes.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 27/05/2020