A Xunta informa aos comerciantes da provincia de Pontevedra da posta en marcha da nova plataforma de autoavaliación Comercio Seguro

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou esta mañá nun webinario con comerciantes e autónomos da zona, aos que presentou a nova iniciativa para que o sector transmita confianza á clientela

A Administración autonómica tamén activou o Plan de dixitalización para comerciantes, autónomos e pemes, que mobiliza 40 millóns de euros co obxectivo de impulsar a súa competitividade no contexto económico actual

Tamén se pon en marcha o Plan Renove de electrodomésticos e domótica que, cunha dotación de 1,75M€, permite reactivar o tecido comercial e empresarial ao tempo que promove o aforro enerxético nos fogares galegos

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2020

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou esta mañá nun webinario con comerciantes e autónomos da provincia de Pontevedra, aos que trasladou as diferentes medidas de apoio que a Administración autonómica ten en marcha para impulsar a reactivación do sector.

Unha das iniciativas das que se informou no encontro telemático foi a posta en marcha da plataforma de autoavaliación Comercio Seguro, dispoñible no enderezo web comerciosegurogalicia.com, que recolle diferentes recomendacións sanitarias e de prevención para achegar ao sector as claves que garantan seguridade e confianza á clientela na volta á actividade.

Conde explicou que no novo escenario económico a dixitalización é imprescindible para promover a competitividade do tecido empresarial. Neste ámbito, a Xunta activa o Plan de Dixitalización, que mobiliza 40 millóns de euros e que conta con apoios para a modernización dos establecementos comerciais e a venda en liña, a internacionalización dixital, o teletraballo ou medidas para impulsar os negocios que se desenvolven no medio rural, entre outros aspectos.

O conselleiro tamén lembrou que xa se publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria do novo Plan Renove de electrodomésticos e domótica enerxética. A iniciativa conta cun orzamento de 1,75 millóns de euros e prevé beneficiar a máis de 9000 familias, que aforrarán 270.000 euros ao ano na súa factura enerxética.

Estas axudas tramitaranse a través dos establecementos comerciais, que xa se poden sumar á iniciativa ata o próximo 30 de xullo. Por outra banda, o prazo para que as familias presenten as súas solicitudes comezará o 1 de xullo, no caso de renovación de electrodomésticos, e o 2 de xullo para domótica enerxética, rematando en ambos os dous casos o 30 de setembro ou cando se esgote o crédito. Ademais de impulsar o aforro enerxético, a iniciativa tamén contribúe a impulsar a economía e xerar emprego, reactivando o tecido comercial e empresarial.


Conde destacou no encontro cos comerciantes de Pontevedra que se está acompañando ao sector resolvendo as dúbidas no que respecta aos protocolos de prevención, a través de guías sectoriais con recomendacións elaboradas polo Issga, e repartindo preto de 4 millóns de máscaras entre pemes e autónomos, das que 300.000 foron directamente para o sector do comercio. Ademais, desde o primeiro momento activouse un programa para achegar unha inxección inmediata de liquidez a autónomos e pequenas e medianas empresas a través dunha liña de préstamos de ata 200.000 euros da que a Xunta bonifica o 100% dos intereses.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 27/05/2020