A Xunta ofrece colaboración ao Estado para buscar acordos coas comunidades para implantar novas medidas sobre Vivenda

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, mantivo esta tarde unha videoconferencia co secretario xeral de Axenda urbana e Vivenda, David Lucas Parrón, para analizar as últimas decisións adoptadas neste eido para paliar o impacto da covid-19 e as correspondentes necesidades de financiamento

Reclama tamén que o Goberno central autorice ás autonomías a utilizar os remanentes de crédito de convocatorias de anos anteriores para poder sufragar a nova orde de axudas ao alugueiro creada en resposta ao coronavirus

Segundo as estimacións do IGVS, Galicia podería dispoñer deste xeito de case cinco millóns de euros máis para atender a persoas que cumpran os requisitos

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2020

A Xunta emprazou hoxe ao Estado a consensuar previamente coas comunidades aqueles programas e medidas en materia de vivenda cuxa xestión recaerá sobre os Gobernos autonómicos. Así llo trasladou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, ao secretario xeral de Axenda Urbana e Vivenda do Ministerio correspondente, David Lucas Parrón, con quen mantivo unha videoconferencia para abordar as últimas decisións adoptadas por Xunta e Goberno neste eido e poñerse á súa disposición para colaborar na implantación de novas medidas.

Fronte a esta busca de entendemento e concerto coas autonomías, a conselleira lembrou o ocorrido co real decreto-lei do 31 de marzo e a orde do 9 de abril aprobadas polo Goberno fronte á covid-19 e nas que non se tivo en conta a opinión das comunidades, a pesar de que sobre elas recaeu a xestión de parte das medidas adoptadas e tamén se fixeron modificacións relevantes relativas ao Plan de Vivenda 2018-2021, xestionado e cofinanciado pola Xunta.

Neste sentido, Vázquez Mejuto trasladoulle que o seu departamento vén de convocar o pasado venres as novas axudas para contribuír a minimizar o impacto económico e social da actual crise sanitaria nos alugueiros de vivenda habitual. Esta orde, en todo caso, saíu cunha dotación inicial de case oito millóns de euros, unha contía “insuficiente” para atender a todos os posibles beneficiarios que cumprirían as condicións e requisitos de vulnerabilidade establecidos polo Goberno.

Por iso, a conselleira aproveitou a súa xuntanza co secretario xeral do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para insistir na necesidade de lograr máis financiamento e incrementar así a dotación inicial destas axudas, ás que segundo as estimacións da Xunta poderían ter dereito entre 50.000 e 75.000 galegos.

Concretamente, trasladoulle que a día de hoxe o Goberno aínda non deu a súa autorización para que as comunidades que así o desexen poidan utilizar os remanentes de crédito de convocatorias de anos anteriores do Plan de Vivenda a conceder e pagar axudas ao alugueiro para persoas afectadas polo impacto da covid-19. Segundo os cálculos do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), estes remanentes ascenden a 4,9 millóns de euros no caso de Galicia polo que a conselleira considerou clave que se autorice expresamente esta operación para poder complementar canto antes a convocatoria xa realizada e incrementar o orzamento dispoñible.

Por outra banda, a responsable de Vivenda da Xunta tamén se referiu ás diferentes medidas anunciadas polo Goberno coa intención de que todos os inquilinos que se atopan nestes momentos nunha situación vulnerable non vexan perigar a súa vivenda habitual.

Ao respecto, lembrou que inicialmente o Goberno dixo que a súa intención era que todos os arrendatarios puideran acollerse á nova liña de préstamos ICO para facer fronte ao pago de seis meses de renda, reservando o programa de axudas ao alugueiro para aquelas persoas que non puideran asumir este préstamo. Sen embargo, a conselleira explicou que a convocatoria da nova orde de axudas foi case simultánea coa solicitude dos préstamos para inquilinos, un atraso que dificulta agora coñecer que persoas teñen dificultade para pagalos e fai que ambas medidas se solapen.

Medidas a futuro

Así mesmo, Ángeles Vázquez e David Lucas Parrón falaron dos principais asuntos que terán que abordar a curto prazo o Estado coas comunidades en materia de vivenda. Así, referiuse ao deseño do novo Plan de Vivenda plurianual, que desde o seu punto de vista debe “flexibilizar a xestión” para facelo moito menos complexo que o actual. Neste sentido, explicou que Galicia vén reclamando desde hai tempo que o plan se dedique a marcar e deseñar liñas xerais para que logo sexan as comunidades as que as desenvolvan, atendendo ás súas propias circunstancias.

En concreto, a proposta da conselleira é que se permita ás comunidades autónomas determinar as condicións e as características das actuacións e programas en materia de vivenda e rehabilitación que queren potenciar, aínda que se manteñan a supervisión e seguemento das comisións bilaterais.

Por último e con respecto á futura Lei de Vivenda na que está xa a traballar o Goberno central, Ángeles Vázquez volveu incidir na necesidade de buscar o consenso e contar coa opinión das comunidades, que, lembrou, ostentan a competencia nesta materia e polo tanto deben poder coñecer e opinar sobre calquera novidade normativa na que se estea traballando.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 27/05/2020