A conselleira do Mar analizou na Radio Galega a extracción da semente de mexillón e do percebe nas costas de Galicia
A Xunta fai un chamamento a bateeiros e confrarías para acadar un consenso sobre a proposta de acordo presentada, que é transitoria e beneficia ás dúas partes

Rosa Quintana entende que os dous sectores poidan sentir que se lle recortan dereitos pero aclara que a solución proposta é intermedia ás peticións que eles mesmos realizaron e que busca salvagardar os intereses de ambos

De cara ao futuro, a titular de Mar traslada o compromiso da Administración galega de convocar inmediatamente unha mesa de traballo para analizar e definir as zonas de extracción de percebe e mexilla co obxectivo de evitar conflitos e garantir unha convivencia pacífica

O Executivo autonómico lamenta a tensión xerada entre os dous colectivos como consecuencia da imposibilidade de traballar dos percebeiros pola alerta sanitaria da covid-19 e das dificultades para atopar mexilla dos bateeiros

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2020

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, explicou hoxe que a proposta de acordo presentada o pasado martes aos representantes das federacións de confrarías e das asociacións de bateeiros para a extracción de percebe e mexilla na costa galega é unha solución transitoria, unicamente para o mes de xuño, e que beneficia ás dúas partes. Por iso, a representante do Executivo galego fixo un chamamento aos dous colectivos para que mediten ben a súa posición co obxectivo de chegar a acordo sobre esa proposta, que foi elaborada tendo en conta os intereses das partes e que só busca acadar o consenso e a convivencia pacífica entre elas.

A titular de Mar asegurou nunha entrevista na Radio Galega que entende que ambos sectores poidan sentir que se lle recortan dereitos con esa oferta, pero aclarou que se trata dunha medida intermedia ás peticións que eles mesmos realizaron e que busca salvagardar os intereses de ambos cunha explotación sustentable dos recursos. Nese sentido, incidiu en que a Administración galega está a mediar para lograr a convivencia pacífica dos dous colectivos, que comparten zonas de traballo e protagonizaron momentos de tensión nos últimos días ante a imposibilidade de traballar dos percebeiros pola alerta sanitaria pola covid-19 e a escaseza de mexilla que padecen os bateeiros este ano na costa galega.

A proposta de acordo, pendente de ratificar polas partes, sería só para o mes de xuño, no que se prorrogaría a extracción de semente de mexillón nas provincias da Coruña e Pontevedra pero con 16 zonas excluídas pola súa especial importancia na extracción de percebe e que supoñen uns 50 quilómetros dos máis de 1.600 en total que suma o litoral das provincias autorizadas á explotación (A Coruña e Pontevedra).

“Estamos nun ano complicado no que os percebeiros non puideron baixar ás rochas e no que os bateeiros tiveron dificultades para conseguir mexilla. É comprensible que cando os percebeiros ven aos bateeiros nas rochas nas que eles adoitan recoller o percebe pensen que poden estar destruíndo ese recurso tan importante para eles. Pero é necesario buscar un entendemento entre estes sectores tan importantes para Galicia e evitar esa imaxe tan negativa que se puido dar nalgunha ocasión nestes últimos días”, subliñou Rosa Quintana.

A conselleira do Mar tamén trasladou o seu compromiso de que, de cara ao futuro, o seu departamento convocará de xeito inmediato unha mesa de traballo para que se poidan analizar cos representantes dos percebeiros e dos bateeiros as zonas máis sensibles da costa para a extracción de ambos recursos co fin de evitar que se repitan situacións como as vividas nas últimas semanas. “Galicia non sería a mesma sen ese sector tan importante como é o do mexillón nin tampouco se entendería que non reservásemos as zonas especiais de extracción de percebe das que vive tanta xente das nosas zonas costeiras”, salientou.

A representante do Executivo galego agradeceu ademais o bo ton negociador mantido polos representantes das federacións de confrarías e das asociacións de bateeiros para buscar un acordo e o entendemento entre as partes e apelou aos dous sectores, comprometidos con Galicia e coa explotación sustentable dos recursos, para que aposten por unha paz que predominou durante moitos anos nos que compartiron zonas de traballo e incluso se botaron unha man cando foi preciso.

Crise da covid-19

A conselleira do Mar tamén analizou a situación do sector como consecuencia da alerta sanitaria polo coronavirus e a necesidade de adoptar melloras na comercialización dos produtos do mar para darlles valor engadido e que os prezos que obteña o sector polo seu traballo compensen o sacrificio que fan para saír a faenar. “A verdade é que me sentín moi orgullosa deste sector porque nunhas condicións moi complicadas foi quen de traer peixe e marisco todos os días ás lonxas para que os consumidores os tivesen á súa disposición. E iso a pesar de que moitas veces os prezos que acadaban por eses produtos non cubrían nin os custos de explotación. Por iso temos que avanzar neste eido”, explicou Rosa Quintana.

Con ese obxectivo, o Executivo galego está a traballar no deseño de novas ferramentas de comercialización que permitan facer fronte a situacións como a vivida durante o estado de alarma polo coronavirus, na que o peche da hostalaría e a restauración reduciu ao mínimo as canles de venda do marisco e dos peixes de maior calidade.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 28/05/2020