A Xunta destina un millón de euros a subvencionar obras de rehabilitación e mellora de vivendas de promoción pública

Trátase de axudas a comunidades de propietarios de vivendas promovidas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo ou transferidas ao mesmo

A axuda pode chegar ao 60 por cento do orzamento e 5.000 euros por vivenda

O prazo para a solicitude das mesmas é de dous meses
 

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2020

A Xunta de Galicia destinará un millón de euros a subvencións a comunidades de propietarios de vivendas de promoción pública para reparación, rehabilitación e/ou adaptación dos edificios de vivendas promovidos polo IGVS ou transferidos á comunidade autónoma, segundo establece a Resolución que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia coa convocatoria das mesmas para 2020. Dende 2016 preto de 2.500 vivendas de promoción pública se beneficiaron destas axudas da Xunta de Galicia.

Poderán beneficiarse destas subvencións as comunidades de propietarios dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo IGVS e dos transferidos á Comunidade Autónoma de Galicia sempre que non recibisen outra axuda do IGVS para realizar obras polo mesmo concepto nos dez anos inmediatamente anteriores ao da convocatoria.

Os edificios que opten ás axudas deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Que o seu edificio reúna as necesarias condicións de seguridade estrutural. De non ser o caso, a comunidade solicitante deberá acreditar a realización simultánea das obras que garantan que o edificio terá as condicións necesarias de seguridade estrutural.
b) Que non estean incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei de Subvencións de Galicia.
c) Que sexan seleccionadas conforme á prelación realizada en aplicación do baremo previsto nas bases do 4 de abril de 2019 e conforme á disposición orzamentaria existente.

Actuacións subvencionables

Serán consideradas actuacións subvencionables todas aquelas obras destinadas á reparación, rehabilitación e/ou adaptación dos edificios incluídos no ámbito de aplicación destas axudas que comprendan todos ou algúns dos seguintes traballos:

a) Adecuación das condicións de seguridade: obras que proporcionen ao edificio condicións de seguridade estrutural ou construtiva, de xeito que garantan a súa estabilidade, resistencia e solidez, seguridade contra incendios, así como obras de seguridade fronte a accidentes ou sinistros.
b) Adecuación das condicións de habitabilidade: obras que proporcionen ao edificio estanquidade fronte á choiva e á humidade, illamento térmico e acústico, ou mellora das instalacións de calefacción.
c) Adecuación funcional: obras que proporcionen ao edificio mellora dos accesos aos servizos xerais de auga, gas, electricidade, telefonía, saneamento, etc., así como a adecuación destas obras á correspondente normativa.
d) Adecuación das condicións de accesibilidade: obras de supresión de barreiras arquitectónicas, tales como instalación de ascensores, ramplas, ou outros dispositivos de accesibilidade, incluíndo os adaptados ás necesidades de persoas con discapacidade sensorial.

As actuacións deberán axustarse á normativa técnica aplicable vixente no momento da súa execución e poderán estar iniciadas no momento de solicitar a subvención sempre que non teñan comezado antes do 1 de xaneiro de 2020 e non teñan executado máis dun 60 por cento do custe total das obras.

A contía da subvención será de ata o 60 por cento do orzamento subvencionable e ata un máximo de 5.000 euros por vivenda.

As solicitudes poderán presentarse durante o prazo de dous meses a contar dende o día seguinte á publicación da Resolución no Diario Oficial de Galicia, polo que dito prazo rematará o 29 de xullo de 2020.

Por outra parte, nos próximos días publicarase no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de axudas para actuacións de eficiencia enerxética en inmobles de vivendas de promoción pública.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 29/05/2020