A Xunta está ao día na tramitación das solicitudes de Ertes presentadas en Galicia, o 96,5% con resultado favorable

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, informou hoxe do estado de tramitación dos expedientes de regulación temporal de emprego na Comunidade

O sector máis afectado foi o dos servizos co 46,3% dos traballadores, seguido da industria co 27,4% e o comercio co 19,2%

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2020

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, informou hoxe sobre a tramitación de expedientes de regulación temporal de emprego (Erte) por parte da Administración autonómica e confirmou que a Xunta está ao día na súa tramitación, “respectando os prazos para que as empresas poidan dispoñer da resolución en tempo e forma”. Deste xeito, a secretaria xeral puxo en valor o esforzo e dilixencia dos traballadores públicos neste momento excepcional.

Galicia chegou esta semana a un total de 36.474 solicitudes de Ertes, dos que o 94,3% (34.377) son de forza maior e o 5,7% restante (2097) por causas económicas, técnicas, organizativas ou produtivas (ETOP). Afectan a un total de 207.432 traballadores (aos que se suman os 32.397 implicados en Ertes estatais, segundo o último dato facilitado polo Goberno á Comunidade Autónoma a finais de abril). Do total de expedientes que xa están resoltos, o 96,5% resultaron favorables, tal e como explicou Toca.

Da análise dos datos recompilados, o sector servizos resulta o máis afectado por número de traballadores, aglutinando o 46,3% do total, séguelle a industria co 27,4%, o comercio co 19,2%, a construción co 6,1% e o sector primario co 0,7%. De feito, os servizos de comidas e bebidas, a fabricación de vehículos de motor, remolques e semirremolques e o comercio a retallo suman case un terzo do número total de traballadores afectados por ertes.

Na análise territorial, Pontevedra é a provincia máis prexudicada co 42,8% do total, seguida da Coruña (37,6%), Ourense (9,3%) e Lugo (7,9%). As comarcas máis afectadas son as de Vigo (58.383 traballadores), A Coruña (35.480) e Santiago (15.777), mentres que bisbarras como A Baixa Limia ou Terra de Caldelas non chegan ao centenar de afectados.

Ante esta situación derivada da covid-19, a Xunta axilizou o máximo posible a tramitación das solicitudes de Ertes, cumprindo os prazos de resolución e poñendo todos os medios á súa disposición para traballar na resolución de expedientes e, á vez, axudar a empresarios e traballadores a resolver as súas dúbidas en materia económica e laboral a través da Liña Empresa no teléfono gratuíto 900 815 600 e na web ceei.xunta.gal/coronavirus.

Ademais, co obxectivo de apoiar ás familias nestes difíciles momentos, chegou a un acordo coas entidades bancarias para realizar anticipos de ata 1500 euros (750 euros ao mes) aos traballadores afectados que estivesen pendentes do Goberno central para o cobro das súas prestacións.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 29/05/2020