A apertura de ofertas do concurso de solo empresarial convocado por Xestur terá lugar o próximo 5 de xuño

O acto tivo que ser aprazado en marzo como consecuencia da covid-19

Xestur puxo a disposición das empresas preto de 770.000 metros cadrados en 17 parques empresariais

O solo poderá adxudicarse en compravenda ou dereito de superficie

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2020

O próximo día 5 de xuño procederase á apertura de ofertas do concurso de venda de parcelas de solo empresarial convocado pola empresa pública Xestur Galicia, que tivo que ser suspendido no pasado mes de marzo como consecuencia da pandemia da covid-19. O acto terá lugar nas oficinas centrais de Xestur, en Santiago de Compostela. O concurso de venda de solo empresarial foi convocado por Xestur no pasado mes de febreiro e no mesmo ofértanse máis de 763.440 metros cadrados de solo emprazado nun total de 17 parques empresariais das catro provincias galegas.

O solo pode adxudicarse en compravenda ou en dereito de superficie, co pago dun canon anual equivalente ao 1,5 % do prezo de venda da parcela durante os dous primeiros anos. Nos anos terceiro e cuarto o canon é do 2,5 % e a partir do quinto ano o 3,5% anual.

Melloras nas condicións de adxudicación

Co obxectivo de facilitar a recuperación da actividade económica e mellorar a implantación das empresas galegas no solo urbanizado pola Xunta, aprobáronse novas condicións na adxudicación de solo propiedade de Xestur e o IGVS, tanto na adxudicación en compravenda como en dereito de superficie.

No caso da adxudicación en compravenda con prezo bonificado, os adxudicatarios disporán dun prazo de seis meses dende a adxudicación para o pago do solo adquirido e a formalización en escritura pública. Ata o de agora o prazo era de un mes.

Polo que respecta á adxudicación en dereito de superficie, as empresas adxudicatarias poderán solicitar un período de carencia de ata tres anos (ata agora era un ano como máximo), e increméntanse os prazos para facer efectiva a opción de compra. Ata o de agora as empresas dispoñían de 10 anos para mercar a parcela co desconto do 40 por cento do pagado en concepto de canon e agora o prazo será de 12 anos. Tamén se incrementa de 6 a 8 anos o prazo en que se poderá adquirir con prezo bonificado o solo adxudicado en dereito de superficie.

Estas medidas aplicaranse ao solo que se adxudique ata pasados doce meses dende o remate do estado de alarma.

Por outra parte, tamén se adoptaron medidas para o solo que xa actualmente xa está adxudicado en dereito de superficie, permitindo ás empresas solicitar ata doce meses de carencia no pago do canon e aumentando os prazos para construír as instalacións e iniciar actividade para as empresas afectadas pola covid-19. Asemade, non se pasaron ao cobro os recibos correspondentes aos meses de abril e maio das parcelas adxudicadas en alugueiro e dereito de superficie.

SOLO EMPRESARIAL INCLUÍDO NO CONCURSO DE XESTUR POR PARQUES

 

Actuación
Nº de parcelas
Superficie
PE223A Sionlla
61
    255.314,50  
PE220Negreira
3
        7.280,00  
PE210-Boiro
1
        2.369,00  
PE202Arzua
1
        2.011,00  
PE221Carballo
21
      74.841,00  
PE219Cedeira
36
      38.677,00  
PE215Ortigueira
43
      50.748,00  
PE407Cervo
15
      27.843,37  
PE409As Gándaras (Lugo)
4
      33.606,00  
PE421Viveiro
12
      35.689,46  
PE316PMOSVeigadaña
11
      48.182,00  
PE308A Reigosa (Pontecaldelas)
14
    119.330,03  
PE322Lalín 2000
2
        6.523,00  
PE303Silleda Area 33
4
      12.974,66  
PE310-Arbo
19
      21.964,20  
PE103Vilamarín
12
      18.721,39  
PE102Pereiro de Aguiar
4
        7.366,00  
TOTAL SOLO EN CONCURSO 2020
263

    763.440,61  

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 30/05/2020