Galicia aposta por reforzar sinerxías con Portugal para reactivar a actividade turística

A directora de Turismo de Galicia participou hoxe no webinario ‘Turismo na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal’, enmarcado no III foro Visit Braga

Avanzou que este mercado terá un papel clave na promoción do destino durante este ano tendo en conta que supón o 20% da demanda turística internacional
 

 Santiago de Compostela, 29 de maio de 2020

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe no webinar Turismo na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, enmarcado no 3º foro de turismo Visit Braga, no que puxo de manifesto o compromiso de Galicia por reforzar sinerxías con Portugal para reactivar a actividade turística en ambos territorios, tendo moi en conta que se trata do principal mercado estranxeiro e que supón o 20% da demanda turística internacional.

Como explicou a representante da Xunta, no camiño da recuperación turística, Galicia terá moi en conta a Portugal como unha parte máis do destino para o que se pretende reforzar os principais vínculos de ambos territorios reactivando as liñas de colaboración xa abertas, que poñen en valor a riqueza patrimonial, cultural e natural compartida.

Referiuse a proxectos europeos en marcha que se centran no Camiño de Santiago, nas novas tecnoloxías para estudar a mobilidade turística en ambos territorios ou ao redor de recursos naturais como o Miño, con iniciativas que pretenden fomentar a súa navegabilidade transfronteiriza, ou da Reserva da Biosfera do Gerês-Xurés.

Seguridade sanitaria transfronteiriza

Nava Castro indicou que para garantir unha estadía en Galicia de confianza en Galicia, tanto para viaxeiros como para traballadores do sector e os propios galegos, a Xunta ten en marcha o programa Galicia destino seguro co que se está traballando na información, formación, asesoramento e financiamento ao sector para adaptarse ás condicións hixiénico-sanitarias do novo escenario turístico.

Neste camiño, resaltou, ademais, a importancia que tamén poderá ter o feito de retomar as relacións económicas e sociais de Galicia e Portugal, algo que vén de solicitar a Xunta e o Norte de Portugal para flexibilizar de forma gradual os controis fronteirizos, debido á relevancia das eurocidades na recuperación económica e a que a incidencia sanitaria do coronavirus é similar nestas áreas de fronteira.

Data de actualización: 29/05/2020