O Centro de Coordinación Cooperativa acorda incrementar o aforo dos locais de hostalería e restauración ata o 50% a partir deste luns

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda presidiu hoxe a décima reunión do Centro de Coordinación Operativa (Cecop) que contou con representación da Delegación de Goberno e da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp)

Na reunión, deuse traslado á Fegamp da proposta do Goberno galego de facer test serolóxicos de dobre banda a todo o persoal da Policía Local galega, ao igual que a Policía Nacional e a Garda Civil

Foron analizados tamén a evolución de pasaxeiros no transporte público de titularidade da Xunta, onde se constata que as medidas adoptadas para favorecer unha mobilidade segura están a propiciar un incremento da demanda
 

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2020

O Centro de Coordinación Operativa (Cecop) acordou na súa xuntanza de hoxe incrementar o aforo dos locais de hostalaría e restauración ata o 50% a partir do próximo luns 1 de xuño. O acordo chega despois de que nas instrucións publicadas no Boletín Oficial do Estado (BOE) para os territorios na fase 2 da desescalada, o Goberno central autorizase ás distintas Comunidades a modificar o aforo máximo no interior destes establecementos, ben reducíndoo ao 30% ou ben incrementándoo ata o 50%.

Así, se acordou hoxe na reunión presidida polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e que contou con representación da Delegación de Goberno e da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), onde se indicou que na toma desta decisión o Goberno galego tivo en conta opinión de representantes do sector turístico, con quen xa acordou esta medida o pasado martes, así como a evolución dos datos epidemiolóxicos da Comunidade.

Os locais deben manter as medidas de seguridade establecidas polo Ministerio de Sanidad. Neste sentido, a Xunta, a través do Plan de Reactivación do sector turístico, reservou un total de 5M€ no marco do programa Galicia destino seguro para –entre outras medidas– favorecer a adecuación hixiénico-sanitaria dos establecementos hostaleiros, garantindo a seguridade de traballadores e usuarios.

Alfonso Rueda indicou que “aprobase esta ampliación do aforo ata o 50% dos locais de hostalería en toda Galicia cunha especial chamada de atención á responsabilidade aos usuarios da hostalería e o sentidiño que se reclama sempre dende a Xunta de Galicia para poder seguir progresando durante esta pandemia, seguir pasando de fase e pouco a pouco ir recuperando a nosa vida normal”


Na reunión, tamén se deu traslado á Fegamp da proposta do Goberno galego de facer
test serolóxicos de dobre banda a todo o persoal da Policía Local galega. Esta medida estendese tamén aos axentes da Policía Nacional e da Garda Civil, tal e como xa indicou o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda esta semana. No caso de que nestes test se detecten casos positivos, procederase a facer unha proba PCR.

Foron tamén analizados os datos relativos á evolución de pasaxeiros no transporte público de titularidade da Xunta. Constátase que as medidas adoptadas polo Goberno galego para favorecer unha mobilidade segura están a propiciar un incremento da demanda.

A confianza dos usuarios no transporte público queda reflectida na tendencia de crecemento que vén experimentando desde a entrada de Galicia na fase 1, cando se pasou dunha media diaria de 6.974 usuarios a 12.000 na semana do 11 ao 17 de maio. A recuperación de usuarios continuou durante a semana do 18 ao 22, chegando a un máximo de 15.840 pasaxeiros que empregaron o transporte público da Xunta o venres día 22 de maio.

Por outra banda, o CECOP acordou tamén adecuar á realidade actual da emerxencia sanitaria os labores dos axentes ambientais e bombeiros forestais do Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais (Spdcif) de Galicia, no que se refire á desinfección nos exteriores de centros de saúde, residencias de maiores e discapacitados e outro tipo de instalacións, como parte da súa colaboración voluntaria para previr o contaxio da covid-19.Así, tendo en conta que a súa actuación debe centrarse agora de maneira prioritaria na prevención e loita contra os incendios forestais, acordouse realizar estes traballos naqueles centros e instalacións indicados pola Consellería de Sanidade, determinados consonte a criterios obxectivos segundo os índices sanitarios ou de saúde pública correspondentes.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 30/05/2020