O titular do Goberno galego mantivo hoxe a duodécima videoconferencia co Goberno central e os outros presidentes autonómicos
Feijóo recorda que Galicia ten unha renda de inclusión desde hai case 30 anos e pide que sexan as comunidades as que xestionen o ingreso mínimo vital

Expresa o seu desacordo cos “volantazos” que, ao longo das últimas semanas, se sucederon no seu deseño e pide que non se entre nunha discusión que afonda na desigualdade entre os cidadáns

Lamenta que non se producira unha conferencia de presidentes exclusiva para retomar os temas de educación

“Se imos recibir fondos da UE para relanzar a economía, sería un gravísimo erro que deixemos esmorecer industrias que son claves para Galicia e para España”, di sobre Alcoa, urxindo ao Goberno central que fixe un prezo da enerxía competitivo

Traslada a necesidade de articular un novo fondo para as CCAA logo de que a Unión Europea fale xa dunha bolsa de recursos para afrontar a pandemia

Pide ao Goberno que defina un plan de rebrote a nivel nacional que, baixo un criterio común, permita dar unha resposta coordinada e eficaz

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2020

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pediu hoxe que sexan as comunidades as que xestionen o ingreso mínimo vital para garantir que chegue con axilidade ás familias que peor o están a pasar. Nesta liña, recordou que Galicia ten unha renda de inclusión social desde hai case 30 anos: “Temos experiencia de xestión, temos profesionais públicos e estamos xestionando as pensións non contributivas que están financiadas con cargo ao Estado”, aseverou.

O titular do Executivo galego expresou o seu desacordo cos “volantazos” que, ao longo das últimas semanas, se sucederon no seu deseño, afirmando que non é respectuoso que se xogue coas prestacións de primeira necesidade que están destinadas a todos os españois, vivan na comunidade autónoma que vivan.

“Non é razoable que agora rompamos un sistema que queremos construír igual para todos dando a tres comunidades a xestión da renda, e impedindo ao resto das comunidades que a xestionen e que ademais anulen as rendas que viñan aplicando e xestionando, no caso de Galicia nos últimos 29 anos”, recalcou, pedindo que non se entre nunha discusión que afonda na desigualdade entre os cidadáns.

Durante a duodécima videoconferencia co Goberno central e os outros presidentes autonómicos, Feijóo pediu tamén certezas no ámbito educativo para o próximo curso. “Díxosenos que habería unha conferencia de presidentes exclusiva para retomar os temas de educación e lamentablemente esta non se produciu”, aseverou, considerando que non é razoable esta ausencia do Goberno no eido educativo, tanto en materia de escolas infantís, como en relación á educación primaria e secundaria, á formación profesional e á universitaria.

Preocupación por Alcoa e polas industrias afectadas pola Lei de Costas

O presidente galego manifestou tamén a súa preocupación por Alcoa e polas industrias afectadas pola Lei de Costas. “Se imos recibir fondos da UE para relanzar a economía e para axudar a sectores que están nunha situación moi delicada, sería un gravísimo erro que estes non se aplicasen ás industrias e que deixemos esmorecer industrias que son claves para Galicia e para España”, dixo, urxindo ao Goberno central que fixe un prezo da enerxía competitivo.

“Non ten ningún sentido que unha actividade considerada esencial durante a pandemia se deixe pechar”, abundou, incidindo en que sería inaceptable que se perdan empregos polo deixamento do Goberno de España durante meses.

Así mesmo, trasladou a inquedanza que están a vivir centos de empresas que en Galicia se dedican aos eventos festivos: “Orquestras, empresas de pirotecnia, negocios ambulantes... precisan saber que vai ser deles nas próximas semanas e meses”, dixo, precisando ademais que os concellos necesitan contar cunhas instrucións claras sobre cando se poden celebrar estes eventos e en que condicións de seguridade.

Máis alá de que se concreten os criterios de reparto dos 16.000 millóns de euros comprometidos e logo de que a Unión Europea fale xa dunha bolsa de recursos para afrontar a pandemia de 750.000 millóns de euros, dos cales 140.000 lle corresponderían a España, Feijóo trasladou a necesidade de articular un novo fondo para as comunidades autónomas. Non en van, recordou que as administración autonómicas están sostendo o 50% do gasto público, o 100% do gasto sanitario e boa parte do gasto educativo e de servizos sociais.

O presidente da Xunta pediu ademais ao Goberno que defina un plan de rebrote a nivel nacional que, baixo un criterio común, permita dar unha resposta coordinada e eficaz. Sobre este punto, confirmou que, pola súa banda, o comité clínico de expertos sanitarios de Galicia aprobou hai semanas un plan de actuación no caso de que se dea algún rebrote na Comunidade.

Ademais de insistir en pedir a mobilidade entre as provincias galegas, que están na mesma fase, Feijóo referiuse tamén a importancia de retomar o paso da ponte en Ribadeo, “para poder conectar esa parte de Galicia con esa parte de Asturias”, así como a mobilidade transfronteiriza co Norte de Portugal.

“E plantexamos que non se adiante a mobilidade entre comunidades que se atopan en distinta fase”, expuxo, ante a preocupación dalgún concellos que comezan a notar a presenza de persoas procedentes doutras autonomías.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 31/05/2020