A Xunta pide á Xunta Electoral Central que acepte o sistema Chave365 para solicitar de forma telemática o voto por correo

A comunicación da semana pasada da Xunta Electoral Central refírese a que se poderá solicitar o voto de forma telemática mediante firma electrónica, por iso a Xunta pide que se acepten tamén os sistemas Chave365 e cl@ve

Facilitaría o voto de todas as persoas usuarias destes sistemas, un punto especialmente importante tendo en conta que pode ser dificultoso solicitar agora un novo certificado de firma electrónica

Recorda a petición de instaurar un protocolo de votación para os centros de maiores e para as persoas maiores de 65 anos, con síntomas, en illamento, hospitalizadas ou en corentena

Solicita tamén que se conten como válidas as solicitudes de voto CERA formuladas para a convocatoria do 5 de abril

Pide que se habilite un sistema de videoconferencia para votar por correo por medio de apoderado e que se exima aos maiores de 65 anos de ter que presentar unha certificación médica para facer uso desta modalidade

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2020

A Xunta vén de remitir á Xunta Electoral Central un documento con alegacións referidas ao voto por correo e protocolos de votación para as eleccións do próximo 12 de xullo. Unha das súas principais demandas é que se acepten como válidos o sistema autonómico Chave365, así como o sistema cl@ve, para poder solicitar o voto por correo de forma telemática a través da páxina web de Correos.

A semana pasada a Xunta Electoral Central aceptaba a petición da Xunta de que se puidera solicitar de forma telemática o voto por correo e especificaba que debería facerse a través da páxina web de Correos -aínda está pendente ser habilitado- e mediante un sistema cualificado de sinatura ou selo electrónico. A Xunta entende que debe admitirse tamén como método de identificación válido o sistema autonómico Chave365 e o sistema cl@ve da Administración do Estado, en tanto ambos son usados por moitas persoas. En concreto, hai 200.000 persoas usuarias do sistema Chave365.

Habilitar ambos mecanismos facilitaría o voto de todas as persoas que xa usan estas fórmulas, tendo en conta ademais que, pola situación actual, pode resultar máis dificultoso que as persoas se acrediten nun novo sistema de firma electrónica, que require de cita presencial nunha oficina habilitada ao efecto.

A Xunta ofrece a súa total colaboración a Correos para implementar os mecanismos técnicos necesarios para utilizar o sistema de firma electrónica Chave365.

Ademais, na súa comunicación á Xunta Electoral Central, a Xunta reiterou a súa petición de establecer un protocolo específico de voto por correo para os centros de maiores, similar ao que se emprega en centros penitenciarios. Desta forma, os directores/as e ou xerentes das residencias poden solicitar que un funcionario se desprace cos impresos de solicitude necesarios para que sexan cumprimentados alí mesmo polos usuarios que queiran votar. Posteriormente, o funcionario de Correos entregaría persoalmente os sobres e papeletas á persoas que o solicitaran que, á súa vez, farían entrega do seu voto de forma persoal. O persoal de Correos encargaríase de facelos chegar ás mesas correspondentes.

Do mesmo xeito, a Xunta demanda que se habilite tamén un protocolo específico para as persoas maiores de 65 anos, con síntomas, en illamento domiciliario, en corentena ou hospitalizadas, de forma que, logo de solicitar o voto polos medios que se habiliten, sexa o funcionario de Correos o que se desprace aos seus domicilios para entregar a documentación e recoller o voto.

A Xunta tamén recordou a súa petición de que se facilite o voto por correo por medio de apoderado a través da habilitación dun sistema de videoconferencia para que se poida realizar este procedemento a través da plataforma segura da que xa dispoñen os Colexios Oficiais de Notarios. Ademais, solicitan que as persoas maiores de 65 anos poidan empregar esta fórmula de voto sen necesidade de presentar o certificado médico que esixe a Lei Orgánica de Réxime Electoral.

Por último, a Xunta insistiu en que se entendan como válidas as solicitudes do voto CERA formuladas para as eleccións do 5 de abril, do mesmo xeito que se fixo coas eleccións xerais do 10 de novembro de 2019.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 02/06/2020