A Xunta inicia os traballos de renovación da tubaxe de drenaxe na vía de titularidade autonómica PO-551 ao seu paso por Bueu

Estes traballos, adxudicados por importe duns 30.000 euros, contan cun prazo de execución de 1 mes

A intervención atende a solicitude dunha comunidade de veciños para evitar a suba do nivel freático no soto dun edificio próximo á estrada

Tamén o DOG publica hoxe a convocatoria dos actos expropiatorios para executar nesta estrada a obra de mellora de seguridade viaria, ao seu paso por Bueu e Marín

Convócase no mesmo anuncio os actos de levantamento de actas previas, para os días 2 e 3 de xullo, e o pagamento de depósitos previos e formalización de ocupación, para os días 20 e 21 de agosto
 

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de iniciar hoxe a execución das obras de renovación da tubaxe de drenaxe na estrada autonómica PO-551, no punto quilométrico 10+350, ao seu paso polo concello de Bueu.

Esta intervención está a ser executada pola empresa Construcciones Rafer S.L, cun investimento duns 30.000 euros, e conta cun prazo de execución estimado de 1 mes.

No ano 2018 actuouse neste punto da vía, ante un afundimento na estrada provocada polas perdas dunha antiga condución. Nese momento, reconstruírase a obra de canalización dun regato e o cruce baixo a estrada, mediante a colocación dun tubo de 120 centímetros de diámetro.

Con esta nova obra, aténdese a solicitude dunha comunidade de veciños para evitar a suba do nivel freático no soto dun edificio próximo á estrada.

Para solucionar a problemática, abrirase de novo unha gabia na estrada, evitando deste xeito tamén afeccións ao tráfico. Tamén se substituirá un colector de drenaxe do edificio e conectarase á rede mediante un sistema de perforación horizontal dirixida.

Os traballos previstos incluirán a preparación dos puntos de entrada e saída da perforación, o traslado e colocación da maquinaria, a execución da perforación, así como a colocación da condución e retirada de lodos derivados dos traballos.

Actos expropiatorios para as obras de mellora seguridade viaria

Tamén hoxe, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica no Diario Oficial de Galicia a convocatoria para o levantamento de actas previas á ocupación, e a data para o pagamento de depósitos previos e a formalización das actas de ocupación, dos bens e dereitos necesarios para executar as obras de mellora de seguridade viaria nesta mesma estrada, ao seu paso polos concellos de Bueu e Marín.

Dado que a dispoñibilidade de terreos é o condicionante para poder iniciar estas obras, o departamento de Infraestruturas da Xunta realiza nun mesmo anuncio a convocatoria para os actos de levantamento de actas previas, para os días 2 e 3 de xullo, e para os pagamento de depósitos previos á ocupación, para os días 20 e 21 de agosto, nos concellos de Bueu e de Marín.

Estes procedementos seguirán o estrito protocolo de medidas preventivas para evitar riscos de contaxio por mor da covid-19. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://cutt.ly/fyZdcag

O procedemento de adxudicación destes traballos, cun importe de 1,2 millóns de euros, está avanzado polo que se prevé o seu comezo a finais de agosto.

Entre os traballos programados nesta estrada destacan a execución de dúas novas glorietas nas zonas de Lapamán e Agrelo en Bueu, así como a mellora dunha intersección no concello de Marín.

Construiranse dúas glorietas no acceso á praia de Lapamán e na intersección coa estrada provincial EP-1304 e mellorarase a intersección de acceso á praia de Agrelo, no punto quilométrico 8+950. Na intervención inclúese a execución dunha senda que dará continuidade ata o acceso á praia de Lapamán.

Tamén se reforzará a sinalización dos pasos de peóns existentes nas parroquias de Cela e Bueu, coa instalación de semáforos con pulsador en dous deles e sinalización luminosa nos restantes. Estas actuacións incluíronse no proxecto, a pesar de non atoparse os pasos de peóns no treito cualificado como treito de concentración de accidentes.

Outras actuacións complementarias serán a instalación de captafaros, a substitución dos postes das barreiras e a renovación da sinalización horizontal.

Este proxecto, atendendo ás achegas presentadas, incorpora ademais novas melloras á actuación do departamento de Infraestruturas da Xunta.

Deste xeito, introduce o cambio de configuración na glorieta de Agrelo, que se desprazou á intersección contigua da inicialmente prevista para reducir a súa afección. Tamén na glorieta de Lapamán se realizou un axuste para reducir ocupación, pero de menor entidade, e mellorouse a conexión peonil coa vía de baixada á praia, habilitando ademais unha nova zona de aparcamento.

A maiores inclúese na actuación a mellora da intersección do punto quilométrico 7+320, no concello de Marín mediante a execución dunha cuña de saída que mellora a visibilidade e a seguridade.

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 02/06/2020