A Xunta destaca a necesidade de flexibilizar os requisitos de inserción laboral dos colectivos máis vulnerables para favorecer a reactivación económica

A director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, mantivo esta mañá un encontro telemático con responsables do Programa Integrado de Emprego da Fundación Juan XXIII (Pontevedra), dedicado á integración social e laboral de persoas con diversidade funcional

Santiago de Compostela, 08 de xuño de 2020

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, mantivo esta mañá un encontro telemático con responsables do Programa Integrado de Emprego da Fundación Juan XXIII (Pontevedra), dedicado á integración social e laboral de persoas con diversidade funcional.

Durante o encontro, Casal subliñou a necesidade de flexibilizar os requisitos de inserción laboral para favorecer a reactivación económica, facilitando a incorporación dos participantes ás novas dinámicas de emprego poscovid-19. Do mesmo xeito, o director quixo manifestar o apoio da Xunta á conclusión práctica do curso, ampliando os prazos lectivos equivalentes ao período de suspensión motivado pola pandemia, e manifestando a vontade de deseñar unha planificación que permita o reinicio da actividade presencial do PIE, que se mantivo en liña durante o estado de alarma.

O responsable de Orientación e Promoción Laboral destacou a importancia da educación e a formación para a mellora da empregabilidade, respondendo ás necesidades do tecido empresarial e ofrecendo maior competitividade.

O PIE da Fundación Juan XXIII conta coa participación de 100 usuarios con necesidades de apoio diversas (intelectual, física, sensorial e psíquica), que reciben formación en materias como xardinería, limpeza de superficies, hostalería ou aprendizaxe en competencias dixitais e novas tecnoloxías. A actividade inclúe o asesoramento individualizado para cada alumno e o seu acompañamento na procura de emprego, así como a oferta de talleres de motivación persoal e participación en networkings sectoriais ou xornadas técnicas.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 08/06/2020