A Xunta reivindica a formación de calidade como garantía de ocupabilidade e inserción laboral ante o novo escenario económico

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, mantivo esta mañá un encontro telemático con responsables do Programa Integrado de Emprego da Asociación Área Empresarial do Tambre, destinado a menores de 30 anos desempregados e a mulleres paradas

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2020

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, mantivo esta mañá un encontro telemático con responsables do Programa Integrado de Emprego da Asociación Área Empresarial do Tambre (Santiago de Compostela), destinado a menores de 30 anos desempregados e a mulleres paradas.

Durante o encontro, Casal reivindicou a necesidade de contar con programas formativos de calidade como garantía de ocupabilidade e inserción laboral ante o novo escenario económico, marcado polas dinámicas de emprego poscovid-19, e que permitirá asegurar a reactivación económica. Do mesmo xeito, o director quixo manifestar o apoio da Xunta á conclusión práctica do curso, ampliando os prazos lectivos equivalentes ao período de suspensión motivado pola pandemia, e manifestando a vontade de deseñar unha planificación que permita o reinicio da actividade presencial do PIE, que se mantivo en liña durante o estado de alarma.

O responsable de Orientación e Promoción Laboral subliñou a necesidade de fomentar a dinamización e a flexibilización do mercado laboral, e chamou a asimilar novas competencias que respondan axeitadamente ás esixencias do tecido empresarial.

O PIE da Asociación Área Empresarial do Tambre conta coa participación de 100 usuarios, e está destinado á inserción laboral das persoas desempregadas de Santiago de Compostela. O programa inclúe prácticas profesionais en empresas dos sectores secundario e terciario, especialmente nos eidos de maior demanda como almacén e loxística; atención á clientela, comercio e distribución; ou labores de construción. O PIE inclúe ademais formación especializada en novas tecnoloxías e convenios de colaboración con escolas infantís e ludotecas para facilitar a conciliación.
 

Data de actualización: 09/06/2020