Conde asegura que a economía social xogará un papel estratéxico na reactivación da economía galega

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo un encontro telemático con representantes do Foro pola Economía Social Galega, no que destacou o compromiso do sector coas persoas e o traballo inclusivo

A economía social representa o 7% do PIB galego e involucra a 100.000 persoas na Comunidade

O Plan de reactivación económica da Xunta de Galicia conta con partidas específicas para o sector, que pode acollerse a diferentes medidas xa en marcha, como a liña de préstamos de ata 200.000 euros ou programas de dixitalización

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2020

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, indicou hoxe nun encontro por videoconferencia co Foro pola Economía Social Galega que, polo seu compromiso coas persoas e o traballo inclusivo, o sector está chamado a ser un motor estratéxico na reactivación económica da Comunidade.

Conde lembrou que, fronte á crise da covid-19, nun primeiro momento a Xunta blindou os apoios aos centros especiais de emprego e ás empresas de inserción laboral considerando o cese de actividade, a suspensión de contratos ou a redución de xornada derivada da pandemia como causa de forza maior para que puidesen manter a cualificación e a percepción das axudas.

O conselleiro informou a este colectivo, que representa o 7% do PIB galego e involucra a 100.000 persoas na Comunidade, sobre o Plan de reactivación económica impulsado pola Administración autonómica. A través desta folla de ruta se mobilizarán 3.043 millóns de euros e conta con partidas específicas para a economía social.

Do mesmo xeito, explicou aos asistentes algunhas das medidas que xa están en marcha e ás que se poden acoller as entidades de economía social, como a liña de préstamos de ata 200.000 euros, o plan de dixitalización que vai mobilizar 40 millóns de euros, ou as axudas por 16 M€ para que establecementos comerciais, do turismo, o sector servizos e o transporte poidan instalar medidas de protección para achegar máis confianza a traballadores e clientes.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/06/2020