Actívase o primeiro plan de despregamento de fibra en todo o casco histórico grazas á colaboración entre a Xunta e o Concello de Santiago

O operador Orange presentou hoxe á directora da Amtega e ao alcalde de Compostela os detalles do proxecto, que prevé iniciar este verán na Rúa do Franco e completar nun prazo estimado de sete meses

O despregamento conta cun investimento privado de 2,4 millóns de euros e o seu alcance esténdese a todo o ámbito do Plan Especial do casco histórico

O operador empregará caixas de baixo impacto visual nas fachadas e utilizará as canalizacións existentes a futuro para a extensión da fibra

O proxecto de despregamento tomou como punto de partida o ‘Catálogo de solucións’ elaborado pola Administración autonómica coa colaboración do Concello compostelán para facilitar a extensión de redes de telecomunicación en zonas protexidas

A extensión da fibra no casco vello é un fito histórico, froito da cooperación institucional

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2020

A fibra óptica chegará á Rúa do Franco este verán e á totalidade do conxunto histórico compostelán nun prazo estimado de sete meses. Esta é previsión do plan de despregamento que o director territorial de Relacións Institucionais do operador Orange, Óscar Aragón, presentou hoxe á directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira; ao alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo; e a directora xeral de Patrimonio da Consellería de Cultura e Turismo, María del Carmen Martínez.

Ambas institucións veñen colaborando para facilitar o despregamento de redes de telecomunicacións nesta zona especialmente protexida coa elaboración dun catálogo de solucións técnicas e o posterior lanzamento dunha consulta pública a operadores. Este proceso rematou coas propostas de R, Telefónica e Orange, operador que solicitou a licenza municipal a semana pasada.

A comisión asesora de patrimonio do casco histórico informou hoxe favorablemente a proposta de despregamento para todo o ámbito da cidade histórica e o proxecto concreto para a Rúa do Franco, de cara a continuar coa tramitación administrativa da licenza, co que o operador espera poder iniciar o despregamento este verán nesta Rúa para continuar progresivamente en todo o conxunto histórico nun prazo aproximado de sete meses. O alcance desta iniciativa abrangue todo o ámbito do Plan especial, non só améndoa do casco histórico. O proxecto contempla, tamén, a compartición de infraestruturas, o que permitirá a outros operadores poder dar servizo no conxunto histórico utilizando as redes de Orange.

Para a extensión da fibra o operador empregará caixas de baixo impacto nas fachadas e as canalizacións existentes. Son solucións acordadas durante o proceso de consulta aberta a operadores lanzado a finais do pasado ano por parte da Amtega, o Concello e a Consellería de Cultura e Turismo que se fraguaron tomando como punto de partida o Catálogo de Solucións Técnicas aprobado o pasado verán polo Goberno galego.

Catálogo de Solucións

O Catálogo de solucións para actuacións de tendido da rede de fibra óptica en contornas urbanas de especial protección e conxuntos históricos de Galicia foi elaborado pola Amtega, o operador público Retegal e a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural para abordar unha problemática presente en toda a Unión Europea para a que ata agora non se ofrecera ningunha solución.

Para a elaboración desta guía partiuse do caso concreto de Santiago de Compostela e en colaboración co Concello, co Consorcio de Santiago e cun equipo multidisciplinar (integrado por arquitectos, enxeñeiros de telecomunicación e técnicos proxectistas especializados en despregamentos de fibra óptica), elaboráronse unha serie de propostas viables e extrapolables a outros conxuntos históricos, e que serviu de base técnica a ter en conta na consulta que se pecha.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 16/06/2020