Conde destaca que os autónomos son un motor indispensable para que a economía galega se poña en marcha

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou nun webinario sobre o proxecto de mentoring no que a Xunta colabora coa Fundación Ronsel no asesoramento de 220 traballadores por conta propia

O Plan de reactivación económica recolle medidas de liquidez, confianza e dixitalización pensadas nos autónomos galegos

Informouse aos asistentes das novas axudas para sufragar os custos de envío de produtos á clientela e os gastos do día a día do colectivo autónomo
 

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2020

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou esta tarde nun webinario sobre o proxecto de mentoring que a Fundación Ronsel desenvolve en colaboración coa Xunta de Galicia onde destacou que os autónomos son un motor indispensable para que a economía galega se poña en marcha e retome, o máis axiña posible, a senda do crecemento.

O conselleiro agradeceu á Fundación Ronsel o labor realizado durante os seus 20 anos de traxectoria axudando a mellorar a empregabilidade das persoas a través de servizos de orientación laboral, intermediación, formación ocupacional e de asesoramento a emprendedores. Neste sentido, puxo en valor o proxecto de mentoring que se está celebrando con máis de 220 autónomos e que rematará a finais de ano co obxectivo de consolidar os negocios dos participantes e ofrecer pautas sobre como reorientalos e melloralos.

Conde convidou tanto á Fundación como aos participantes neste proxecto a afrontar esta nova situación como unha oportunidade e trasladoulles a vontade da Administración autonómica de seguir acompañándoos con medidas que lles permitan afrontar o seu día a día e mellorar a competitividade dos seus negocios. Deste xeito, o Plan de reactivación económica recolle iniciativas tanto de liquidez, como de confianza e de reactivación da actividade centradas en aspectos como a dixitalización ou o financiamento.

En concreto, informoulles do novo programa de axudas acordado coa Mesa do Autónomo e que supón destinar 16M€ en axudas directas para sufragar os custos de envío de produtos aos clientes e gastos do día a día (subministracións e telecomunicacións).
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 16/06/2020