A Xunta licita o proxecto de mellora, sinalización e acondicionamento do Camiño de Inverno por máis de 1,7 M€

A actuación levarase a cabo en 14 concellos de Valdeorras, Ribeira Sacra e Deza, entre os municipios de Rubiá e Lalín, onde o itinerario se une coa Vía da Prata

Sinalizaranse case 200 quilómetros, substituíndo os fitos deteriorados por outros novos, recolocando os mal situados e actuando nos tramos en mal estado

Aínda que habitualmente as mouteiras son de granito, na comarca ourensá de Valdeorras serán de pizarra por tratarse dunha materia característica da zona

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2020

A Xunta de Galicia iniciou hoxe a licitación do proxecto de mellora, sinalización e acondicionamento do Camiño de Inverno, unha das rutas con maior potencial. Trátase dunha actuación dotada con 1,7M€ repartidos ao longo de 14 concellos de tres provincias, entre as comarcas de Valdeorras, Ribeira Sacra e Deza. En concreto, desenvolverase entre os municipios de Rubiá e Lalín, onde o Camiño de Inverno se une coa Vía da Prata para continuar a peregrinación ata Santiago de Compostela.

O obxectivo desta actuación, que se estenderá por preto de 200 quilómetros de trazado xacobeo, é mellorar e unificar a sinalización, así como acondicionar os treitos que se atopen en mal estado mantendo a coherencia coas obras que xa foron realizadas en diferentes tramos do Camiño en Galicia. Neste sentido, retiraranse os fitos que estean deteriorados e non sexa posible recuperar e repararase aqueles nos que os danos sexan menores.

Ademais unificarase a sinalización dos fitos en bo estado colocando cunchas, placas de quilometraxe ou tallando frechas. Cando sexa necesario, instalaranse novas mouteiras que serán de granito salvo nos concellos de Rubiá, Carballeda de Valdeorras, O Barco de Valdeorras e A Rúa, que serán de pizarra, algo excepcional e que supón un guino á unha materia prima esencial na comarca. Cómpre destacar que naqueles puntos onde a visibilidade das placas cerámicas en parede se vexa comprometida, instalaranse sinais verticais.

A actuación en cifras

Concretamente, retiraranse preto de 30 mouteiras en mal estado e substituiranse 7 placas de cerámica. Ademais, haberá máis de 110 fitos que serán reparados, limpados e recolocados no trazado xacobeo e outros 151 que se instalarán novos. Os traballos de sinalización completaranse con 130 cunchas de cerámica e 13 de bronce e coa retirada de 22 sinais que non compren coa normativa da Xunta de Galicia.

Galicia conta cunha ampla experiencia nos últimos 25 anos na preservación, xestión, e sinalización oficial do Camiño de Santiago, unha competencia propia do Goberno galego. De feito, todas as actuacións realizadas responden ás consideracións recollidas no Manual de sinalización turística de Galicia aprobado en 2012, unhas directrices que posteriormente foron asumidas polo Consejo Jacobeo a nivel nacional e que mesmo Portugal asumiu como propias para favorecer a sinalización dos Camiños que discorren polo país luso.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 18/06/2020