A Xunta avoga polo empoderamento das mulleres con discapacidade para avanzar cara a unha igualdade real

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo hoxe unha reunión por videoconferencia coa presidenta da Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (Acadar), Mónica Álvarez, e co presidente da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami), Anxo Queiruga

Destacou a necesidade de sensibilizar sobre a realidade deste colectivo e fomentar a súa autonomía, así como contribuír a previr a violencia de xénero e situacións de violencia sexual

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2020

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a necesidade de potenciar a autonomía e promover a igualdade entre as mulleres con discapacidade a través dos programas que levan a cabo entidades como a Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (Acadar) ou a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami).

Alfonso Rueda agradeceu á presidenta de Acadar, Mónica Álvarez, e o presidente de Cogami, Anxo Queiruga, o traballo que desenvolven para ofrecer atención especializada e integral e poñer á disposición destas mulleres recursos co obxectivo de favorecer a súa plena inclusión social e o acceso ao mercado laboral en condicións de igualdade.

Así llo trasladou nunha reunión por videoconferencia que mantivo hoxe cos responsables de ambas entidades e na que tamén participou a directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e secretaria xeral da Igualdade por delegación, Natalia Prieto. Ademais, incidiu na necesidade de sensibilizar e concienciar sobre a realidade deste colectivo especialmente vulnerable pola dobre discriminación que afrontan pola súa dobre condición de mulleres e persoas con discapacidade.

Durante a xuntanza resaltou o importante papel destas organizacións para fomentar o empoderamento das mulleres e nenas con discapacidade tendo en conta a súa diversidade e potenciar as súas competencias para o desenvolvemento dunha vida máis autónoma, motivo polo que o Goberno galego apoia os seus proxectos a través da orde de axudas anual destinadas a entidades sociais sen ánimo de lucro para programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade.

O vicepresidente da Xunta tamén reiterou a importancia de impulsar actuacións específicas para as mulleres con discapacidade que son vítimas de violencia de xénero ou que viviron situacións contra a liberdade e indemnidade sexual, a través da detección e a prevención destes casos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 18/06/2020