A Xunta destaca que Explotaciones Forestales Souto Carrillo e Forestal Ángel exemplifican o esforzo do sector forestal galego por gañar en innovación e sustentabilidade

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, visitou esta mañá as instalacións que estas dúas empresas teñen na provincia de Lugo para coñecer de primeira man os seus proxectos e avaliar tanto posibles vías de colaboración como as liñas de traballo que se están desenvolvendo

A Consellería de Economía, Emprego e Industria ten aberto, ata o 29 de xuño, o prazo de solicitude do programa de axudas para impulsar a xeración de valor e a innovación nos procesos industriais do ámbito forestal

Lugo, 18 de xuño de 2019

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, achegouse esta mañá a dúas empresas rematantes da provincia de Lugo, as instalacións que Explotaciones Forestales Souto Carrillo ten no centro loxístico Lugo Mercancías e Forestal Ángel, en Guitiriz, co obxectivo de coñecer de primeira man os seus proxectos e avaliar as súas inquedanzas, posibles vías de colaboración e liñas de traballo que se están levando a cabo de apoio á industria forestal. O director destacou que estas dúas empresas exemplifican o esforzo do sector forestal por gañar en innovación e sustentabilidade.

Explotaciones Forestales Souto Carrillo é un dos maiores rematantes de madeira de Galicia en canto a volume de madeira comercializada. Lema destacou que esta empresa familiar apostou nos últimos anos pola renovación tecnolóxica e a dixitalización así como pola incorporación da muller ao sector forestal (das 50 persoas que forman parte do seu cadro de persoal, 10 son mulleres) e pola cualificación do seu persoal.

Despois, o director trasladouse ás instalacións de Forestal Ángel, en Guitiriz, unha empresa
de recente creación dedicada á tala e transporte de madeira, fundamentalmente de piñeiro. Conta coa dobre certificación da súa cadea de custodia polos selos PEFC e FSC como garante da sustentabilidade dos aproveitamentos forestais.

O director aproveitou a ocasión para informar de que ata o 29 de xuño está aberto o prazo de solicitude para o programa de axudas por dous millóns de euros para impulsar a xeración de valor e a innovación nos procesos industriais do ámbito forestal. Está destinado ás pemes e micropemes que realicen segunda transformación e do sector contract.

As axudas alcanzarán un 50% dos investimentos e ata un máximo de 200.000 euros por beneficiario. Os proxectos terán por obxectivo aumentar a produtividade; a implantación de técnicas que permitan obter novos produtos ou produtos valorizados, ou implantar procesos que favorezan a minoración do impacto ambiental.

A través desta convocatoria, apóiase a compra de maquinaria nova vinculada aos procesos de produción da empresa e de secado da madeira e as obras e instalacións necesarias para a súa correcta instalación e funcionamento; a implantación de tecnoloxías da información e da comunicación, e outros bens de equipamento que formen parte do activo da empresa e interveñan no proceso produtivo.

Ademais, tamén se poden obter apoios para a implantación e certificación da cadea de custodia de madeira certificada, de normativas de calidade e plans de mellora de xestión empresarial. Como novidade, os proxectos desenvolveranse durante dúas anualidades para facilitar a execución do investimento polos beneficiarios.

Entre os criterios de valoración, prímase a creación de emprego e os postos de traballo indefinidos e para colectivos con maiores dificultades para acceder ao mercado laboral, e inclúese, entre outros aspectos, puntuación adicional se a empresa dispón do marcado CE para algún dos produtos que fabrique; se dispón de sistemas de xestión da calidade e se a xerente é unha muller.

Data de actualización: 18/06/2020