A Xunta oferta 72 prazas en seis campos de voluntariado que se desenvolverán na provincia de Lugo este verán

Os maiores de 18 anos interesados en participar xa poden inscribirse no programa, que inclúe catro novos campos na provincia e admite un máximo de 12 persoas en cada un

Os concellos de Quiroga, Palas de Rei, Castro de Rei, A Pobra do Brollón, Triacastela e Ribas de Sil acollerán as actividades

Lugo, 27 de xuño de 2020

A Xunta de Galicia oferta 72 prazas en seis campos de voluntariado que se desenvolverán na provincia de Lugo dentro da campaña O verán que necesitas. Van dirixidos a persoas de entre 18 e 30 anos e catro deles póñense en marcha por primeira vez este ano.

O prazo de inscrición xa está aberto e nesta edición hai tres novidades principais: os campos serán de ámbito autonómico con prazas só para mozos e mozas de Galicia; a convivencia será dun máximo de 12 persoas participantes, máis o equipo técnico; e as actividades desenvolveranse baixo as medidas de prevención e seguridade ditadas polas autoridades sanitarias.

Na provincia de Lugo, os novos campos que se organizan son Castro de Viladonga (Castro de Rei); Alejandrina Álvarez (Ribas de Sil) e dous denominados Os Campos do Camiño, un deles en Palas de Rei e outro en Triacastela. Ademais, Quiroga acollerá a iniciativa Castro de Pena Dominga e A Pobra do Brollón o campo Castro e Romería de San Lourenzo.

O prazo desta convocatoria pecharase 3 días antes do inicio de cada campo. As prazas serán adxudicadas, mentres existan vacantes, por orde de recepción das solicitudes. A solicitude presentarase mediante un formulario en liña que está dispoñible na páxina web xuventude.xunta.es. A cota de inscrición para todos os campos é de 110 euros; con desconto dun 25% por carné xove, familia numerosa ou monoparental.

A situación provocada pola emerxencia sanitaria derivada da covid-19 fai moi necesario ofertar á mocidade un recurso de educación non formal para o tempo de lecer.

Os campos de voluntariado son actividades encamiñadas a favorecer e fomentar a convivencia, a tolerancia e a solidariedade. Polo tanto, permitiralles beneficiarse, coas máximas garantías de prevención e hixiene, dunha experiencia enriquecedora.

A seguinte táboa recolle as modalidades e datas de celebración dos campos de voluntariado organizados na provincia de Lugo:

Denominación
Localidade
Modalidade
Datas

Castro de Pena Dominga

Quiroga
Arqueoloxía

16-27 de xullo

Os Campos do Camiño

Palas de Rei

Dinamización

15-26 de xullo

Castro de Viladonga

Castro de Rei

Arqueoloxía

13-24 de agosto

Castro e Romería de San Lourenzo

A Pobra do Brollón

Festival e arqueolóxico

02-13 de agosto

Os Campos do Camiño

Triacastela
Dinamización

29 de xullo a 9 de agosto

Alejandrina Álvarez

Ribas de Sil

Arqueoloxía e investigación

27 de agosto a 7 de setembro

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 27/06/2020