O 061 de Galicia asistiu a 63 persoas por 46 accidentes de circulación durante a fin de semana

Desde as 15,00 horas do venres, 26 de xuño, ata as 23,59 horas do domingo, 28 de xuño, a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 recibiu 58 chamadas por accidentes de tráfico

A Estrada (Pontevedra), 29 de xuño de 2020

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a fin de semana a 63 persoas debido a 46 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende desde as 15,00 horas do venres, 26 de xuño, ata as 23,59 horas do domingo, 28 de xuño. O día que rexistrou máis incidentes foi o sábado con 22 sinistros de tráfico.

A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en Galicia, recibiu nestes días 58 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 46 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atendeu un total de 63 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 65% e do 35% respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase que o 33% dos atendidos tiña entre 35 e 49 anos.

Por provincias, Pontevedra rexistrou 25 accidentes de tráfico durante os desprazamentos destas datas.

 

Provincia
Accidentes
A Coruña
15
Lugo
3
Ourense
3
Pontevedra
25
Galicia
46

Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 55. Así, as ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado asistiron en cinco accidentes, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico mobilizáronse en 45 sinistros e os equipos sanitarios de Atención Primaria que completan a dotación das ambulancias asistenciais de soporte vital básico do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en tres accidentes. As ambulancias convencionais atenderon en dúas ocasións.

En 54 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes e en nove ocasións atendeuse no propio lugar do incidente.
 

Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 29/06/2020