A Xunta convoca a III edición do premio CGAC de investigación e ensaio sobre arte contemporánea

O galardón, que terá unha dotación económica de 3.000€, busca promover a produción de pensamento sobre esta materia en lingua galega

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2020

A Xunta de Galicia convoca a terceira edición do Premio CGAC de investigación e ensaio sobre arte contemporánea, un galardón que ten como principal obxectivo promover a produción de pensamento sobre esta materia.

Tal e como recollen as bases do galardón, publicadas hoxe no DOG, poderá optar a este premio calquera persoa física, maior de idade, que presente textos inéditos escritos en galego segundo a normativa vixente e que estean relacionados con labores de investigación e produción de pensamento en arte contemporánea. Así pois, os traballos serán de temática libre, sempre que versen sobre esta materia e terán un carácter divulgativo.

O prazo de presentación de solicitudes abrirase mañá e finalizará o próximo 30 de setembro e o gañador recibirá un premio de 3.000€. Nesta convocatoria só será posible tramitar as solicitudes de participación de xeito telemático a través da sede electrónica da Xunta.

No que respecta ao xurado estará composto por un máximo de seis persoas e estará presidido polo director do Centro Galego de Arte Contemporánea. Entre os requisitos que se valorarán destaca a orixinalidade do enfoque e os elementos de innovación e creativos que achegue, a singularidade da perspectiva histórica ou metodolóxica ou a calidade literaria do texto.

Gañadores das edicións anteriores

A través da convocatoria deste premio o CGAC busca promover o coñecemento e favorecer o acceso do público á arte contemporánea, así como impulsar a comunicación social nesta área. Nas dúas edicións anteriores, os autores premiados foron o artista Rosendo Cid (Ourense, 1974) pola súa reflexión acerca da práctica artística contemporánea titulada A arte está feita dunha materia incerta e fragmentaria, e a crítica, investigadora e comisaria María Marco (Vigo, 1979), polo orixinal Tigres en magnolias. A maxia como transformación na arte contemporánea.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 29/06/2020