Mañá abre o prazo de solicitude para o uso de residencias xuvenís como espazo de actividades de ocio e tempo libre

Trátase dunha iniciativa pioneira que ten como obxectivo dotar de medios e instalacións ás asociacións xuvenís e ás entidades para desenvolver as súas actividades

Póñense á disposición da mocidade a residencia xuvenil Lug I, en Lugo, e a residencia xuvenil Florentino López Cuevillas, en Ourense

O prazo de solicitude será de sete días hábiles, contando a partir de mañá e o número de prazas será de 360 cun máximo de 30 por quenda
 

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2020

Mañá abre o prazo de solicitude para o uso de residencias xuvenís como espazo de actividades de ocio e tempo libre. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde de convocatoria que permite que asociacións xuvenís, consellos locais de xuventude ou grupos de persoas mozas non asociadas a actividades de tempo libre sen ánimo de lucro realicen programas de actividades de 30 prazas con quendas en estadías dun máximo de cinco días .

Trátase dunha iniciativa pioneira que ten como obxectivo dotar de medios e instalacións ás mozas e mozos para poñer en marcha proxectos de educación non formal con todas as garantías de prevención e hixiene; unha necesidade que se pode ser aínda máis complexa na situación actual derivada polo impacto social da covid-19. As instalacións que se poñen á disposición da mocidade son o albergue xuvenil Lug I, en Lugo, e a residencia xuvenil Florentino López Cuevillas, en Ourense. O prazo de solicitude será de sete días hábiles a partir de mañá e o número total de prazas será de 360, 30 por quenda.

As asociacións xuvenís, as entidades prestadoras de servizos á xuventude, as escolas de tempo libre e demais entidades terán que presentar a solicitude obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta, https://sede.xunta.gal. No caso de grupos de persoas mozas non asociadas poderán presentar a solicitude preferiblemente por vía electrónica e, opcionalmente, de xeito presencial en calquera dos rexistros da Administración autonómica.

Adxudicación de prazas

Para a adxudicación do uso das instalacións establécese como grupo preferente as asociacións xuvenís ou outras entidades inscritas no rexistro dependente da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado que realicen actividades para un maior número de prazas e por un maior número de días, sempre dentro do tope máximo fixado para cada instalación. Seguidamente, os consellos locais e municipais de xuventude galegos, en terceiro lugar os grupos de persoas mozas non asociadas para realización de actividades para un mínimo de 15 persoas e por último as entidades públicas ou privadas que soliciten con fins asistenciais.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 29/06/2020