A Xunta dá a coñecer a listaxe provisional de admitidos nas escolas infantís públicas autonómicas para o novo curso 2020/2021

Máis do 70% das solicitudes teñen xa praza adxudicada

As familias dispoñen agora de cinco días hábiles para presentar reclamacións

A listaxe definitiva publicarase o 20 de xullo e terán do 21 ao 30 para formalizar as matrículas

Este é o primeiro curso completo no que se aplicará a gratuidade para os segundos fillos e sucesivos

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2020

A Xunta de Galicia deu a coñecer hoxe a listaxe provisional de admitidos nas escolas infantís públicas de titularidade autonómica para o vindeiro curso 2020/2021 que ascende a 7893 nenas e nenos, o que supón o 73,4% das solicitudes presentadas. A relación completa pódese consultar na páxina web da Consellería de Política Social.

De cara ao novo curso, o número de solicitudes foi menor que as presentadas o ano pasado. Nesta ocasión rexistráronse 10.751 peticións fronte as 12.764 cursadas para o curso pasado. Tamén baixan os admitidos provisionais, que este ano se sitúan en 7.893, 451 menos que no curso 2019/2020.

As familias dispoñen de cinco días hábiles —desde mañá ata o día 6 de xullo— para a presentación de reclamacións e a listaxe definitiva de admitidos farase pública o vindeiro 20 de xullo. As familias con praza deberán formalizar as matrículas ente os días 21 e 30 de xullo (ambos incluídos), e o inicio do curso está previsto para o día 4 de setembro.

O curso 2020/2021 será o primeiro completo no que se aplicará a gratuidade na atención educativa para os segundos fillos e sucesivos. Esta medida beneficiará ás escolas infantís públicas autonómicas, ás de iniciativa social, ás privadas e a aquelas municipais que estean ao corrente das liquidacións do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Outra das novidades do vindeiro curso é que en cada unha das sete principais cidades de Galicia polo menos unha escola infantil pública autonómica ampliará o seu horario de apertura ata as oito da tarde, co fin de mellorar a conciliación das familias.

Bono concilia

Por outra banda, as peticións de praza de 0 a 3 anos que quedan por agora en agarda son 1716. Esta cifra non será definitiva ata a listaxe do 20 de xullo. En todo caso, aquelas familias cuxos fillos non accedan a unha praza pública poderán beneficiarse do Bono concilia, unha axuda directa que lles permitirá contar co apoio económico para levar ás súas fillas e fillos á escola infantil que escollan.

Cómpre indicar que o feito de que todos os segundos fillos e sucesivos poidan acudir gratis á escola infantil cambia substancialmente o cometido do Bono Concilia. Por iso, neste 2020 o Bono Concilia seguirá en vigor, pero estará destinado aos primeiros fillos.

Ademais, indicar que o 59% das solicitudes presentadas correspóndense con novos ingresos e o 41% restantes son de renovación. Así mesmo, 769 peticións de praza foron cursadas por familias numerosas e 255 por familias monoparentais.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 29/06/2020