A Xunta destaca que a formación especializada e a orientación laboral son claves para dinamizar a economía e fortalecer aos axentes produtivos

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, mantivo esta mañá reunións por videoconferencia cos responsables da Fundación Ronsel e da Asociación Amicos

Escoitou as súas principais demandas en materia de formación para o emprego e orientación laboral e puxo en valor a colaboración á hora de definir materias que se adecúen ao actual escenario laboral poscovid-19
 

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2020

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, mantivo esta mañá sendas reunións por videoconferencia cos responsables da Fundación Ronsel e da Asociación Amicos, nas que puxo en valor que a formación especializada e a orientación laboral son claves para dinamizar a economía neste novo horizonte económico e para fortalecer aos axentes produtivos, facilitando, deste xeito, a inserción laboral.

Casal escoitou as principais demandas destes colectivos en materia de formación para o emprego e orientación laboral e sinalou que a formación é unha garantía para a empregabilidade.

O director xeral, ademais, lembrou que unha formación para o emprego axeitada permite responder ás principais demandas dos novos mercados laborais no novo escenario económico poscovid-19 e apuntou á formación como dinamizadora do emprego de calidade e da inserción laboral das persoas con capacidades diferentes e con máis dificultades á hora de acceder a un posto de traballo.

Neste senso, durante os encontros, Casal agradeceu a colaboración entre as distintas asociacións á hora de definir materias que se adecúen ao actual escenario laboral poscovid-19. Informoulles, ademais, de que a Xunta vén de resolver, cunha contía de 6,7 millóns de euros, a convocatoria de axudas destinada aos concellos e entidades sen ánimo de lucro que presten servizos de orientación laboral para o emprego e asistencia para o autoemprego. Estes apoios teñen como obxectivo mellorar as posibilidades de ocupación das persoas demandantes de emprego.

Amicos é unha asociación sen ánimo de lucro para a atención e integración das persoas con capacidades diferentes e as súas familias, mentres que a Fundación Ronsel ten como principal obxectivo facilitar a ocupabilidade das persoas con máis necesidades que se atopan nunha situación de desemprego. Os dous colectivos teñen participado en programas de orientación e formación para o emprego deseñados e financiados pola Xunta de Galicia.

O responsable de Orientación e Promoción Laboral tamén salientou o papel fundamental que representa a aprendizaxe dixital, contribuíndo non só a facilitar a transformación tecnolóxica do tecido empresarial, senón tamén a xerar diferenciación e crecemento na propia empresa, e achegando así a recuperación económica e laboral.

Lembrou, por último, que os programas formativos tiveron que suspender a súa aplicación presencial durante o estado de alarma, se ben se reformularon a un modelo en liña para garantir a súa continuidade. Non obstante, Casal sinalou que a vontade da Administración autonómica é a reactivación física dos programas a partir de mañá, respectando os distintos protocolos sanitarios para ofrecer as condicións de seguridade obrigatorias.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 30/06/2020