As obras de humanización da contorna parroquial de San Mamede de Torroso en Mos poderán licitarse este verán

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a alcaldesa de Mos asinaron o convenio de colaboración, que permite iniciar a contratación desta obra pública

Trátase dunha actuación do Plan hUrbe coa que se pretende mellorar esta zona do concello, un punto de encontro frecuente dos veciños

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2020

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda poderá licitar este verán as obras de humanización da contorna parroquial de San Mamede de Torroso en Mos, despois de que a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, asinaran esta mañá o convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello de Mos.

Esta actuación é un proxecto que se inclúe no Plan hUrbe, un programa posto en marcha polo Goberno galego para impulsar e colaborar en actuacións enfocadas a mellorar os espazos públicos, tendo en conta as necesidades de utilización e en relación coa mellora da contorna, o ambiente e a calidade de vida.

Neste caso concreto, a intervención consiste en acondicionar unha zona de esparexemento na contorna parroquial de San Mamede de Torroso, co fin de mellorar e poñer en valor unha zona moi concorrida do municipio e punto de encontro para moitos veciños, pois localízase en pleno centro de Mos e moi próximo á igrexa da parroquia que leva o mesmo nome.

Todos estes traballos, cun custo de 437.500 euros dos que a Xunta achegará o 70% e o Concello de Mos, o 30% restante, dan reposta ao reto da Xunta de acadar un urbanismo responsable e apostar pola recuperación e o reequilibrio territorial entre as vilas e cidades galegas.

Por iso, puxo en valor a importancia de establecer lazos de colaboración cos municipios en proxectos que, coma este, buscan mellorar e potenciar espazos e equipamentos públicos xa existentes para facilitar a accesibilidade aos mesmos e poñer en valor certas zonas, mellorando o benestar e a calidade de vida dos seus veciños.

A obra que se levará a cabo en Mos enmárcanse no Plan hUrbe, posto en marcha no ano 2010 pola Xunta para apoiar ás entidades locais na execución de proxectos e actuacións que contribúan a crear, mellorar ou humanizar espazos de uso público. Grazas a esta iniciativa, no período 2010-2018 executáronse 200 actuacións en 125 concellos, o que significa que se actuou case no 40% dos municipios galegos; e o ano pasado asumíronse preto de 90 novos compromisos de colaboración ao abeiro deste mesmo programa.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 01/07/2020