A Xunta resolve as subvencións para o desenvolvemento de actividades deportivas que beneficia a 1.140 entidades

O importe das axudas concedidas acadou os 1,86 millóns de euros

Santiago, 2 de xullo de 2020-. A Secretaría Xeral para o Deporte vén de resolver definitivamente as subvencións a clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas e seccións deportivas de Galicia para o desenvolvemento de actividades deportivas que pode ser consultada na páxina web do Deporte Galego. Estas subvencións foron convocadas pola resolución do 16 de decembro de 2019 e publicadas no Diario Oficial de Galicia do 10 de xaneiro de 2020. Teñen por obxecto subvencionar os gastos derivados da participación en competicións oficiais do ano 2019 e poden ser beneficiarias destas axudas os clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas e seccións deportivas de Galicia inscritos Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.

O importe das axudas concedidas acadou os 1,86 millóns de euros para chegar a un total de 1.140 entidades beneficiarias. En total foron 1.377 as entidades que cursaron solicitude de subvención, o que se traduciu en 1.713 solicitudes recibidas, xa que unha mesma entidade pode cursar tantas solicitudes como modalidades deportivas practique (concretamente foron 210 as entidades que presentaron solicitude por máis de un deporte). En 2019, o número de entidades beneficiarias foi de 1.023, polo que nesta convocatoria produciuse un incremento do 11% de entidades beneficiadas.

Resultaron denegadas por non acadar a puntuación mínima, 175 entidades (a puntuación mínima para ser beneficiario é de 7 puntos, ou 5 no casos das entidades que participaran en competicións para persoas con algunha discapacidade). Resultaron inadmitidas ou desistiron da súa petición por non achegar toda a documentación ou non emendar erros da solicitude, 63 entidades.

Os beneficiarios dispoñen do prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da Resolución no DOG -prevista inicialmente para o venres 10 de xullo-, para solicitar o cobro da subvención e aportar a documentación xustificativa.
 

Data de actualización: 02/07/2020