A Xunta adxudica as obras de mellora da rede de saneamento confluente na depuradora de Valga

Os traballos, adxudicados por un importe de máis de 46.000 euros, teñen un prazo de execución de tres meses

As actuacións consistirán no acondicionamento de conducións e pozos de rexistro situados en distintos núcleos do concello

O obxectivo é reducir o exceso de caudal e augas altamente diluídas que recibe a EDAR de Valga para acadar un funcionamento máis eficaz nesta infraestrutura
 

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar as obras de mellora da rede de saneamento confluente na depuradora de Valga.

Os traballos, adxudicados á empresa Construcciones, Obras y Viales S.A por un importe de máis de 46.000 euros, teñen un prazo de execución de tres meses.

As actuacións consistirán na rehabilitación e mellora de conducións e pozos de rexistro ubicados en distintos núcleos do concello como Vilar ou Vilarello, na zona paralela á vía férrea ou no paso elevado fronte á praia fluvial.

Tamén se actuará nos pozos situados en Laxes, A Torre, Castiñeiras, A Carballa, en Cimadevila ou na contorna de Outeiriño.

A intervención sobre de todos estes puntos de entrada ten por obxecto reducir os problemas de exceso de caudal e augas altamente diluídas que recibe a EDAR de Valga coa fin de acadar un funcionamento máis eficaz nesta infraestrutura hidráulica.
 

Data de actualización: 05/07/2020