A Xunta abre mañá o prazo para solicitar o cheque autónomo que permitirá ao colectivo cubrir gastos do día a dia

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou esta mañá nun webinario sobre as claves para a recuperación económica no contexto actual no que destacou a importancia de anticiparse aos retos e traballar en equipo

Conde aposta por seguir avanzando na dixitalización, a internacionalización, a formación e a economía verde para facer fronte á recuperación económica
 

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2020.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou esta mañá nun webinario sobre as claves para a recuperación económica no contexto actual no que destacou a necesidade de anticiparse aos retos actuais e de futuro, así como a importancia de buscar alianzas e traballar en equipo. Neste sentido puxo como exemplo de colaboración o Comité de expertos económicos que, nos últimos meses, cooperou coa Xunta no deseño dun Plan de reactivación económica.

Dentro deste plan, o conselleiro informou de que hoxe se publica no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria do Cheque Autónomo Seguimos Adiante cuxo prazo de solicitude, que é dun mes, comeza mañá. “Estas axudas, xunto con outras medidas no eido da dixitalización e da transformación, permitirán dar resposta á necesaria recuperación da actividade e dinamización económica nos diferentes sectores”, explicou Conde.

A medida conta cun orzamento de 16M€ e ofrecerá financiamento do 100%, ata un límite de 1800 euros, do custo de determinados gastos correntes, como loxística e transporte de envíos (ata 3€ por envío); o pago por estar nunha plataforma de e-commerce local; o pago por licenza de uso de software de venda online; promoción en redes sociais; gastos correntes de seguridade motivados pola covid-19, entre os que se encontran os gastos en máscaras, guantes, desinfectante, limpeza, biombos e asesoramento en prevención de riscos laborais; e os gastos de subministracións e telecomunicacións. Enmarcadas no Plan de reactivación económica de Galicia, estas axudas prevén anticipos do 100% e cubrirán os gastos realizados desde a declaración do estado de alarma ata o 31 de decembro deste ano. Con esta iniciativa preténdese favorecer a consolidación dun emprego autónomo estable e de calidade.

Conde subliñou que para facer fronte á recuperación económica, ademais de apoiar ás familias, autónomos e pemes nestes momentos de dificultade, hai que seguir avanzando na Industria 4.0, a innovación e a dixitalización; apoiar a internacionalización; apostar por unha formación adaptada ás necesidades reais; e fomentar a economía verde. Neste sentido, destacan os tres proxectos tractores deseñados en colaboración co comité de expertos para contar cunha planta de produción de hidróxeno verde, un centro de impulso da economía circular e favorecer a produción sostible de fibra forestal.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 06/07/2020