Galicia despediu un mes de xuño moderadamente frío e con precipitacións dentro dos valores propios desta época do ano

O avance do informe climatolóxico de MeteoGalicia indica que foi un período marcado pola presenza das baixas presións atlánticas, que só se viron interrompidas por dous períodos cálidos e tormentosos a comezos e a final de mes

Os datos das estacións meteorolóxicas máis representativas da comunidade revelan que choveu un 17% menos do que se considera normal

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2020

O pasado mes de xuño caracterizouse en Galicia por ser un período moderadamente frío e durante o que as precipitacións rexistradas se mantiveron en valores normais. Esta é unha das principais conclusións do avance do informe climatolóxico de MeteoGalicia, que atribúe esta circunstancia ao predominio das baixas presións atlánticas sobre a comunidade durante gran parte do mes, o que provocou que se rexistraran unhas temperaturas máximas frías para esta época do ano.

O tempo entre o día 4 e o 21 de xuño foi, en xeral, fresco, e determinou que en comparación co período histórico que se utiliza como referencia, o mes acabase presentando unha temperatura media 0,51 graos por debaixo do habitual. Esta tónica só se viu alterada coincidindo co comezo e o final do período, durante os que a comunidade viviu uns días cálidos e tormentosos que, sen embargo, non foron suficientes para compensar a inestabilidade que caracterizou o resto do mes.

A situación, en todo caso, non foi tan anómala e de feito o precedente máis próximo atopámolo o ano pasado, cando a temperatura media en Galicia situouse no mes de xuño case dous graos por debaixo do habitual.

En canto ao comportamento por zonas, os valores máis frescos localizáronse en Cabeza de Manzaneda e na comarca de Valdeorras, con temperaturas medias próximas aos 13 graos; mentres que no extremo contrario situouse a cidade de Ourense e os seus arredores, onde se roldaron os 27 graos.

Pluviosidade dentro do normal

Desde o punto de vista das precipitacións, o comportamento do mes pasado foi moito máis normal. Neste sentido, os rexistros das principais estacións meteorolóxicas de Galicia apuntan a que choveu un 17% menos do esperado, o que pode considerarse dentro da normalidade en comparación co período de referencia 1981-2010.

De feito, este mesmo déficit hídrico detectouse en xuño de 2017, aínda que tamén é certo que a situación supón un contraste con respecto ao mesmo período do ano pasado e, sobre todo, ao de 2018, cando Galicia rexistrou en xuño un 108% máis de chuvias do habitual.

A análise do comportamento pluviométrico por áreas xeográficas amosa algúns contrastes. Así, mentres a chuvia acumulada na metade oeste de Galicia estivo preto da normalidade, nas comarcas do interior a presenza de tormentas foi máis desigual, polo que se detectan zonas secas e outras máis húmidas.

O valor medio de chuvia acumulada no conxunto da comunidade foi de 51,7 litros por metro cadrado, unhas cifras que se duplicaron nas zonas de montaña do leste de Lugo e do norte da Coruña e que quedaron por debaixo dos 10 l/m2 no sur de Ourense.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 06/07/2020