A nova web de Artesanía de Galicia configúrase como o gran escaparate para impulsar a comercialización do sector

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinala nun encontro con profesionais deste ámbito celebrado en Noroeste Obradoiro, en Santiago de Compostela, que a innovación e o deseño, xunto coa dixitalización, son claves para a competitividade do sector

Informa de que a orde de axudas para apoiar a comercialización da Artesanía de Galicia incluirá este ano novidades para adaptarse ao actual contexto económico

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2020

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou esta mañá que a nova web de Artesanía de Galicia se configura como o gran escaparate para impulsar a comercialización do sector, no que cobran protagonismo o produto, os artesáns e os oficios.

Nun encontro con profesionais deste ámbito celebrado esta mañá en Noroeste Obradoiro, en Santiago de Compostela, e que se puido tamén seguir de xeito telemático, Conde apuntou que a innovación e o deseño son as claves para que o sector siga sendo competitivo, unha fórmula á que se suma con forza a dixitalización. Nese contexto, o portal artesaniadegalicia.xunta.gal achega un lugar propio para cada un dos 687 obradoiros que configuran a marca Artesanía de Galicia.

No ámbito da comercialización, Conde informou de que a orde de axudas deste ano para apoiar a obradoiros, concellos e asociacións profesionais en actuacións de impulso á comercialización de Artesanía de Galicia, dotada con 330.000 euros, se introducen novidades para adaptarse ao novo contexto socioeconómico. Así, ademais dos habituais apoios para participación ou organización de feiras, na convocatoria estas axudas inclúen para actuacións dixitais para tendas efémeras, plataformas ou páxinas de market place, feiras ou calquera outro evento comercial, nacional ou internacional, celebrados en liña.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 07/07/2020