A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, participou hoxe na sinatura na Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos da Universidade da Coruña
A Xunta e a Fundación de Enxeñería Civil asinan un convenio de colaboración para desenvolver un sistema punteiro de alerta temperá do risco de inundacións na demarcación Galicia-Costa

O sistema ‘Merlín’ permitirá aumentar a precisión e a cobertura territorial das predicións do risco de asolagamento que realiza Augas de Galicia

Tras implantarse de forma piloto en 4 bacías durante o pasado ano, agora estenderase ás 21 concas de Galicia-Costa e ás 10 novas áreas con potencial risco significativo de inundación

Fará posible predicir de forma continua, automática e en tempo real o risco dun determinado punto e identificar con maior precisión as zonas máis vulnerables

Desenvolverase unha aplicación web para visualizar esas predicións e trasladar de forma inmediata a información a todos os axentes involucrados na prevención

O convenio supón un investimento de 185.000 ata o ano 2022 no desenvolvemento da nova ferramenta

Ethel Vázquez destaca que, grazas á suma de esforzos de técnicos e investigadores, Galicia vai protexer con maior eficacia a poboación e o territorio fronte a fenómenos naturais cada vez máis frecuentes polo cambio climático

A Coruña, 7 de xullo de 2020

A Xunta e a Fundación de Enxeñería Civil de Galicia asinaron hoxe un convenio de colaboración que ten por obxectivo desenvolver un sistema punteiro de alerta temperá do risco de inundación na demarcación hidrográfica Galicia-Costa. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, en calidade de presidenta de Augas de Galicia, participou hoxe na Coruña no acto de firma con Juan María Loureda, presidente do Padroado da Fundación, vinculada á Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos da Universidade da Coruña.

Este convenio dálle continuidade á colaboración iniciada en 2019 que permitiu desenvolver de forma piloto un novo sistema de alerta temperá de inundacións denominado ‘Merlín’ nas concas dos ríos Cee, Grova, Landro e Verdugo-Oitavén.

Neste tempo, constatouse que este sistema fai posible aumentar a eficacia na predición dos fenómenos de asolagamento, ao enriquecer os modelos de predición con información como os niveis da lámina de auga, observacións de satélites, radar meteorolóxico, etc. É dicir, salientou a conselleira de Infraestruturas, “supón un gran avance na xestión dos riscos de inundacións”.

Ethel Vázquez lembrou que a demarcación hidrográfica de Galicia-Costa ten unhas características moi singulares, con concas moi pequenas, nas que se conta, con frecuencia con menos de 12 horas desde que se produce a choiva ata que se inician os desbordamentos. E, nunha alta porcentaxe de casos, ese tempo redúcese a entre 1 e 3 horas.

Por ese motivo, as ferramentas de alerta temperá son indispensables para predicir os problemas con antelación suficiente para adoptar, de forma coordinada con Protección Civil, as medidas necesarias para minimizar os riscos.

Tras ser pioneira desde o ano 2004 co sistema ‘Artemis’, a demarcación hidrográfica Galicia-Costa, dá agora un paso máis con Merlín e aposta por un sistema máis adaptado ás súas peculiaridades.

En virtude deste convenio, a Xunta e a Fundación de Enxeñería Civil xeneralizan a súa implantación, estendéndoo ás 21 concas da demarcación Galicia-Costa e levándoo ás 10 novas áreas identificadas como de risco potencial significativo de inundación.

O convenio supón un investimento de 185.000 euros, dos cales 130.000 son achegados pola Xunta, e a súa vixencia esténdese ata 2022.

Grazas ao sistema ‘Merlín’, Augas de Galicia poderá predicir con maior precisión, de forma continua, automática e en tempo real o risco dun determinado punto e identificar con maior precisión as zonas máis vulnerables.

As predicións farán unha caracterización máis precisa do impacto dunha crecida, serán máis fiables e terán en conta o efecto da marea na extensión dun asolagamento, o que é moi importante nas zonas costeiras, nas que se concentra a maior parte da poboación.

Ademais, desenvolverase unha aplicación web na que se poderán visualizar esas predicións, o que fará posible trasladar a información en tempo real a todos axentes involucrados na actuación en caso de risco de inundación.

Ethel Vázquez destacou que, grazas á suma de esforzos de técnicos e investigadores, Galicia vai protexer con maior eficacia a súa poboación e o seu territorio fronte a fenómenos naturais cada vez máis frecuentes polo cambio climático.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 07/07/2020