A Xunta define a dixitalización e a eficiencia enerxética como retos clave para a recuperación económica do tecido empresarial

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe por videoconferencia na clausura da asemblea de Asime

O encontro serviu de plataforma para avaliar o presente e futuro do sector industrial e para continuar intensificando os contactos cos axentes económicos e sociais de Galicia

Conde destacou que o naval segue a ser competitivo, lembrando que Galicia mantén a segunda maior carteira de pedidos en Europa
 

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2020

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, indicou hoxe que a dixitalización e a eficiencia enerxética son dous eixos principais para a recuperación económica do tecido empresarial galego.

Conde participou por videoconferencia na clausura da asemblea de Asime, na que considerou que a reconstrución económica é un reto que se debe afrontar desde a unidade e o consenso e, nese sentido, agradeceu a Asime esta convocatoria porque serve como unha plataforma para avaliar o presente e o futuro do sector industrial.

Un chequeo “necesario e urxente”, engadiu, que require da participación de todas as administracións e o tecido produtivo para que as medidas de choque que se poñan en marcha se axusten ás necesidades dos diferentes sectores económicos que, neste momento, pasan por seguir afondando na transición dixital e enerxética.

O titular de Economía apuntou que a reconstrución económica é un reto que ten que desenvolverse a través do diálogo e o acordo, intensificando os contactos cos axentes económicos e sociais de Galicia para determinar como e onde é preciso actuar.

No caso do naval, e, ao igual que a automoción, Conde indicou que son dous sectores referentes en Galicia pola súa innovación e profesionalidade. No caso do naval, lembrou que segue a ser competitivo, pois Galicia mantén a segunda maior carteira de pedidos en Europa, por detrás de Holanda.

Por último, Conde volveu tender a man a autónomos, pemes e sectores industriais para continuar desenvolvendo o Plan de reactivación económica co que a Xunta busca a dinamización dos sectores económicos e a creación de emprego cunha ampla cobertura aos sectores que máis o precisan.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 07/07/2020