A Xunta subliña o papel da compra pública de innovación na prestación de servizos públicos máis eficientes

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá nunha xornada online do proxecto de compra pública de innovación Smartiago, que conta co apoio da Administración autonómica

A iniciativa busca implantar unha serie de solucións tecnolóxicas innovadoras para a xestión sustentable de residuos sólidos urbanos, a mobilidade intelixente e a iluminación
 

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2020

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, interveu esta mañá no acto de apertura da xornada online de presentación de resultados das consultas preliminares ao mercado do proxecto Smartiago, un proxecto do Concello de Santiago de Compostela que conta co apoio da Xunta e que persegue implantar unha serie de solucións tecnolóxicas innovadoras no eido das smartcities para dar resposta ás necesidades dunha cidade patrimonio da humanidade empregando a ferramenta de contratación pública da Compra Pública de Innovación (CPI).

Neste marco, a directora de Gain destacou a compra pública de innovación como unha ferramenta de grande utilidade na mellora dos servizos públicos a través da incorporación de bens e servizos innovadores, así como no fomento da innovación empresarial e da internacionalización da I+D+i.

Argerey subliñou a achega deste proxecto ao posicionamento do ecosistema galego de innovación en novos campos vencellados coa sustentabilidade e a innovación, en liña co pacto verde da Unión Europea e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas. Precisamente Smartiago prevé resolver tres retos estratéxicos para a cidade: a xestión sostible e intelixente de residuos sólidos urbanos; a mobilidade intelixente sostible e unha Iluminación ornamental intelixente para a conservación do patrimonio.

A directora de Gain tamén puxo de exemplo o proxecto Smartiago de colaboración entre as tres administracións públicas intervintes, a Administración Xeral do Estado, a Administración Xeral da Comunidade Autónoma e o Concello de Santiago de Compostela unen esforzos para acadar unha Administración máis eficiente, moderna e innovadora, capaz de satisfacer as demandas da cidadanía.
 

Data de actualización: 07/07/2020