O cheque autónomo pode solicitarse desde hoxe, unha axuda de ata 1.800 euros para acompañar ao colectivo na recuperación económica

O director xeral de Promoción e Orientación Laboral, Pablo Casal, participou en Pontevedra na clausura do programa Son Executiva, no que participan 400 mulleres co obxectivo de impulsar os seus proxectos empresariais

Informou sobre que o cheque autónomo cubre gastos do día a día como son a loxística e o transporte de envíos ou o pagamento por estar nunha plataforma de e-commerce local
 

Pontevedra, 7 de xullo de 2020

O director xeral de Promoción e Orientación Laboral, Pablo Casal, informou hoxe en Pontevedra, na clausura do programa Son Executiva, que desde hoxe pode pedirse o cheque autónomo, unha axuda da Xunta de ata 1800 euros para apoiar a actividade económica deste colectivo e acompañalo na súa recuperación.

O Cheque Autónomo cubre gastos do día a día como son a loxística e o transporte de envíos (ata 3€ por envío); o pagamento por estar nunha plataforma de e-commerce local; o pago por licenza de uso de software de venda online; promoción en redes sociais; gastos correntes de seguridade motivados pola covid-19, entre os que se encontran os gastos en máscaras, guantes, desinfectante, limpeza, biombos e asesoramento en prevención de riscos laborais; e os gastos de subministracións e telecomunicacións.

A medida conta cun orzamento de 16M€ e ofrecerá financiamento do 100%, ata un límite de 1800 euros. O cheque está enmarcado no Plan de reactivación económica de Galicia e inclúe anticipos do 100% cubrindo os gastos realizados desde a declaración do estado de alarma ata o 31 de decembro deste ano. Con esta iniciativa preténdese favorecer a consolidación dun emprego autónomo estable e de calidade.

Con respecto a Son Executiva, Casal destacou que 400 mulleres melloraron as súas habilidades, a través da formación, para poñer en marcha ou reforzar os seus proxectos empresariais. A iniciativa estivo dirixida tanto a directivas, profesionais con experiencia e empresarias en activo, como a mulleres que acaban de obter o seu título universitario ou de FP.

O director xeral puxo en valor o traballo das emprendedoras e autónomas galegas que están a liderar a actividade profesional para contribuír á reactivación económica e sinalou a importancia de fortalecer a posta en marcha de medidas encamiñadas a rebaixar a fenda salarial, potenciar a presenza feminina en postos de responsabilidade e facilitar a conciliación.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 07/07/2020