Xa está dispoñible para descargar a aplicación que permitirá seguir en directo o escrutinio das eleccións do 12 de xullo

Está dispoñible para dispositivos Android e iOS

O avance do escrutinio tamén se poderá seguir en tempo real na web https://resultados2020.xunta.gal, que estará operativa o domingo

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2020.- Xa está dispoñible para descarga a aplicación móbil que permitirá seguir os datos de participación e o avance en directo do escrutinio das eleccións ao Parlamento de Galicia que se celebran o próximo domingo, 12 de xullo. Pode instalarse desde os markets de Android e iOS.

Ademais, os mesmos datos estarán tamén dispoñibles na web https://resultados2020.xunta.gal, que estará operativa o próximo domingo.

Así, tanto na web como na aplicación, poderán consultarse os avances de participación e tamén estarán dispoñibles os datos en tempo real do escrutinio: tanto a nivel autonómico, como detallado para cada concello galego, incluíndo comparativas coas eleccións do 2016.

Ademais da app e da web de resultados, cómpre destacar que a Xunta tamén ten operativa a páxina web https://eleccionsgalicia2020.gal/, onde se centraliza toda a información de interese relacionada co proceso electoral.

Entre outras cousas, na web pode consultarse asuntos como os distintos procedementos de voto -o prazo para depositar o voto por correo para os residentes en España remata este venres, antes das 14 horas-; o manual para as persoas integrantes das mesas; as candidaturas presentadas nas catro provincias; os resultados electorais de convocatorias anteriores; ou a lexislación de referencia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 08/07/2020