Ábrese a convocatoria de axudas para proxectos de investigación sobre os valores do Camiño e as peregrinacións

No marco da Cátedra do Camiño e Santiago e as Peregrinacións da Xunta, a Catedral e a Universidade de Santiago, apoiarase con 2.000 euros cada iniciativa

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2020

A Cátedra Institucional do Camiño de Santiago e das Peregrinacións, impulsada conxuntamente pola Xunta de Galicia, a Catedral e a Universidade de Santiago, vén de abrir o prazo de axudas para proxectos de investigación que promovan e difundan os valores da Ruta Xacobea.

Convócanse en réxime de concorrencia competitiva para un total de tres proxectos de investigación asociados á Cátedra. Terán un financiamento máximo de 2.000 euros cada un e deberán executarse entre o 1 de setembro e o 30 de novembro deste ano. Poderán solicitar estas axudas os doutorandos, investigadores e profesores universitarios tanto nacionais como estranxeiros que desenvolvan a súa actividade investigadora en beneficio dos ámbitos da Cátedra do Camiño de Santiago e as Peregrinacións.

Ao abeiro desta iniciativa fomentarase o coñecemento histórico e actual do Camiño de Santiago e das Peregrinacións, así como a promoción e difusión dos valores a eles asociados, cumprindo deste xeito cos fins para a que foi creada a Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións entre a Xunta, a Catedral e a Universidade de Santiago.

As presentación de solicitudes realizarase por medios electrónicos a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Universidade de Santiago de Compostela e as persoas interesadas en participar teñen toda a información e formularios en www.catedradelcaminodesantiago.com.

Actividades da Cátedra

A Cátedra Institucional do Camiño de Santiago e as Peregrinacións promove a difusión dos valores asociados coa peregrinación e o fenómeno xacobeo mediante a realización de cursos, seminarios, conferencias e actividades académicas. Tamén fomenta a promoción e organización daquelas iniciativas que contribúan a facilitar a reflexión e o debate cultural e académico no ámbito do Camiño de Santiago co fin de acadar o seu mutuo enriquecemento intelectual e a mellora da súa formación cultural e universitaria.

Ademais, impulsa a colaboración con profesores e departamentos universitarios e favorece a difusión e o coñecemento das investigacións realizadas mediante publicacións e outras accións de comunicación. E permite manter un fondo bibliográfico e documental sobre as materias específicas do Camiño de Santiago e sobre disciplinas relacionadas.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 09/07/2020