A Xunta e o Norte de Portugal analizan o Plan de reactivación da cooperación transfronteiriza

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, reuniuse hoxe en Vigo coa vicepresidenta da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento do Norte de Portugal, Ester Silva

No encontro analizáronse as propostas que se están a incluír no Plan para paliar o impacto do peche da fronteira durante varios meses debido á crise sanitaria da covid-19

Vigo, 9 de xullo de 2020

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, reuniuse hoxe en Vigo coa vicepresidenta da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento do Norte de Portugal (CCDR-N), Ester Silva.

Na reunión analizáronse as propostas e achegas que están a ser incluídas no Plan de reactivación á cooperación de proximidade, un documento elaborado en coordinación con todos os actores da cooperación transfronteiriza que persegue paliar o impacto do peche, durante varios meses, da fronteira entre España e Portugal por mor da crise do sanitaria da covid-19.

Ao encontro tamén asistiron Xosé Lago e Graça Fonseca, director e subdirectora da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Eurorrexión, respectivamente, que se celebrou na sede desta organización en Vigo. Tamén participou Pedro Figueredo, xefe de División de Coordinación de Proxectos e Redes Institucionais na CCDR-N.

Trátase da terceira das reunións mantidas para elaborar o Plan de reactivación na fronteira Galicia-Norte de Portugal, elaborado pola AECT da Eurorrexión. A primeira celebrouse no concello de Tomiño o pasado 18 de xuño e a segunda tivo lugar na Eurocidade Chaves-Verín o 2 de xullo.

A AECT da Eurorrexión foi constituída pola Xunta de Galicia e a Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal para impulsar a cooperación transfronteiriza entre os dous territorios. Comezou a funcionar en 2010 e foi a primeira que se se constituíu na Península Ibérica e a terceira do territorio europeo.

Nos últimos anos leváronse a cabo proxectos como o Iacobus, de intercambio de estudantes e docentes da Eurorrexión, ou o programa Nortear, de intercambios culturais.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 09/07/2020