A Xunta avalía o decreto do concerto social que facilitará a prestación de servizos públicos a través de entidades sociais

Recorda que con este avance normativo, moi demandando polas entidades sociais, se creará unha bolsa de entidades que están en condicións de ofrecer prazas a partir duns criterios preestablecidos

Indica que se aplicará de xeito prioritario no ámbito da discapacidade, pero tamén se estudará noutros ámbitos como a atención a menores ou a inclusión social
 

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2020

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que a Xunta remitirá nos próximos días ao Consello Consultivo de Galicia o Decreto do concerto social que facilitará a prestación de servizos públicos a través de entidades sociais, axilizando e flexibilizando a súa posta á disposición dos cidadáns.

Tras a súa avaliación esta mañá no Consello, Feijóo salientou o avance normativo que supón este decreto, moi demandando polas entidades sociais, xa que mediante o concerto social, crearase unha bolsa de entidades que están en condicións de ofrecer prazas a partir duns criterios preestablecidos.

Durante a rolda de prensa, Feijóo subliñou que o concerto social aplicarase de xeito prioritario no ámbito da discapacidade, pero tamén se estudará noutros ámbitos nos que as entidades de iniciativa social son predominantes, como a atención a menores ou a inclusión social.

No tocante ás vantaxes, Feijóo aseverou que con esta iniciativa dáse prioridade na contratación ás entidades de iniciativa social; flexibilízase a creación de prazas públicas; e axilízase a oferta de servizos ás persoas que o necesitan.

“Estamos a falar dun decreto que porá fin ao desarraigo que sufrían algunhas persoas con discapacidade”, precisou, incidindo en que o novo sistema permite que se concerten as prazas alí onde o usuario as necesita.

O presidente da Xunta concluíu recordando que o documento pasou por un intenso proceso de diálogo co sector. Non en van, durante a súa tramitación, dezanove entidades fixeron achegas e, froito desas observacións, modificouse o texto do decreto.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 09/07/2020